As castrexas do Arde Lucus serán recoñecidas en Fitur

O presidente da Xunta presenta hoxe na xornada inaugural da mostra o Xacobeo 2021-2022 o xeodestino Ancares Terras de Burón poñerá en valor o seu novo produto, Micropaisajes
Lara Méndez posa cunhas castrexas na pasada edición do Arde Lucus. EP
photo_camera Lara Méndez posa cunhas castrexas na pasada edición do Arde Lucus. EP

A Feira Internacional de Turismo (Fitur) reunirá, desde este mércores e ata o día 23 en Madrid, o mellor da industria turística internacional. A provincia de Lugo aproveitará a súa presenza neste escaparate para mostrarse como un destino capaz de satisfacer aos que buscan grandes espazos abertos e unha forma máis sostible de coñecer o territorio.

Estes son, precisamente, os principais argumentos cos que o xeodestino Ancares Terras de Burón acode a Fitur. A través dun innovador produto, denominado Micropaisajes, busca atraer a atención daquelas persoas que buscan natureza en estado puro e unha forma de coñecer a contorna dun modo pausado e próximo.

Conformado polos concellos que están integrados no GDR Montes e Vales Orientais, a finalidade é facer do ecoturismo unha peza importante no desenvolvemento económico da comarca.

O Concello de Palas de Rei tamén terá un papel moi activo en Fitur. O seu rexedor, Pablo Taboada, estará presente en reunións como as da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, na presentación do Xacobeo ou na de Monumentos de España, onde se encadra a promoción do castelo de Pambre ou a igrexa de Vilar de Donas.

A MARIÑA. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentará en Fitur a entrada en vigor do plan de sustentabilidade turística, que se basea en cinco eixos programáticos desenvolvidos en 18 liñas de actuación e contará cun investimento de 2.225.000 euros.

Será o venres, ás once da mañá, e contará coas intervencións do presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto; a directora de Turismo, Nava Castro, e o presidente da Deputación, José Tomé. Ademais desde este mesmo mércores o ente supramunicipal concertou reunións con operadores turísticos co obxectivo de presentarlles toda a variedade de recursos, produtos e servizos turísticos do xeodestino. Tamén están previstas reunións con empresas especializadas e de tecnoloxías con posibilidade de aplicarse no territorio.

As persoas que acudan a Fitur poderán atopar información da Mariña e as súas concellos no módulo provincial de Lugo no expositor Turismo de Galicia.

PRESENTACIÓNS. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidirá este mércores ás 13.30 horas a presentación do Xacobeo 2021-2022. O acto poderase seguir por streaming nesta ligazón.

Pola súa banda, o presidente da Apehl, Cheché Real, presentará a partir das 18.30 de hoxe na caseta de Galicia a décimo cuarta edición da guía turístico gastronómica da provincia "...E para comer Lugo".

Premio pola visibilización das mulleres castrrexas no Arde Lucus
O Concello de Lugo recibirá en Fitur o Tourism Women Friendly, un galardón que recoñece a visibilización das castrexas no Arde Lucus e o protagonismo da muller nesta festa de recreación histórica. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez considera o galardón "unha honra". A entrega do premio será o venres, ás 12.00 horas no Ifema.

Deputación de Lugo
A Deputación Provincial de Lugo presentará mañá en Fitur, a partir das 16.00 horas, a súa campaña de turismo para a provincia. O acto poderase seguir en directo por internet.

Comentarios