El Progreso e CHMS levan ás aulas un proxecto sobre os valores da auga

Alumnos de primaria e Iso poderán participar nun concurso de microrrelatos ata o día 30  Cada xoves o diario publicará dúas páxinas divulgativas sobre o patrimonio ligado aos ríos
Un niño juega con el agua. PIXABAY
photo_camera Un neno xoga coa auga. PIXABAY

O diario El Progreso e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) únense para levar ás aulas da provincia de Lugo un proxecto que ten por obxectivo sensibilizar sobre a importancia dos recursos hidrográficos e o respecto ao medio natural. O principal obxectivo é que os máis pequenos comprendan que a auga e os ecosistemas fluviais son limitados, incidindo na necesidade de asumir a responsabilidade e o papel do ser humano na súa conservación.

O proxecto constará de dous partes, que levarán a cabo a través de Escola de Prensa, a plataforma educativa ligada a este diario. Por unha banda, alumnos de educación primaria e Iso poderán participar no concurso de microrrelatos "Pon a túa pinga de auga". Por outro, cada xoves do mes de novembro o xornal publicará dúas páxinas divulgativas sobre a importancia da conservación do patrimonio natural ligado ao mundo da auga.

MOTIVACIÓN. Esta iniciativa parte da importancia da auga como elemento vital para o ser humano, así como para o resto de animais e seres vivos do planeta Terra. Coñecer a importancia da auga e dos valores asociados a ela é esencial para estimala como recurso natural.

Doutra banda, a importancia da auga atópase tamén nas distintas actividades que realiza o ser humano, e proxéctase sobre a súa cultura e o seu patrimonio. Deste xeito, a auga é tamén vital para a agricultura, a industria, a actividade doméstica, a produción de enerxía e outras múltiples actividades.

O proxecto incidirá en que durante miles de anos de historia desenvolvéronse unha gran variedade de valores culturais e etnográficos ligados aos diversos usos e aproveitamentos que os seres humanos fixeron dos recursos hidráulicos. Algúns deles perduran no tempo, e outros foron substituídos.

Como un dos organismos impulsores desta iniciativa, tamén se dará a coñecer o papel da CHMS como administración reguladora e supervisora do aproveitamento da auga. Así, as páxinas que se publicarán neste medio os xoves versarán sobre o papel da entidade de conca como organismo regulador da auga, sobre a auga como un ben escaso a preservar, sobre o patrimonio e os valores culturais relacionados cos ríos e sobre a pegada hídrica.

Comentarios