O programa Da Escola á Granxa recibe máis de 70 solicitudes para poder participar

A área dirixida por Mónica Freire destina 40.000 euros a este proxecto, que pon en valor o rural para as novas xeracións
Mónica Freire
photo_camera Mónica Freire, na presentación do programa Da Escola á Granxa. EP

O programa Da Escola á Granxa, impulsado pola área de medio rural da Deputación de Lugo, estreouse cunha gran acollida por parte da comunidade educativa. Concluído o prazo de solicitudes, o pasado 30 de maio, recibíronse un total de 73 peticións para participar en proxectos de emprendemento no rural: ganderías, producións agrícolas e pequenas empresas agroalimentarias.

A deputada responsable desta área, a nacionalista Mónica Freire, valorou "a boa resposta a esta primeira edición do programa que pon en valor os produtos de proximidade e a importancia do sector primario para as novas xeracións, nenas e nenos de infantil e primaria, aos que están dirixidas as actividades propostas".

O programa pretende consolidarse no tempo como complemento práctico para os nenos de educación infantil de toda a provincia, que deste xeito poderán coñecer o manexo de animais centrado no benestar animal das ganderías extensivas, talleres de elaboración de alimentos ou actividades ligadas ao coñecemento da contorna e á educación ambiental.

O programa pretende consolidarse no tempo como un complemento práctico para os nenos de educación infantil de toda a provincia

A convocatoria está dirixida ás asociacións de nais e pais, que recibirán achegas de entre 300 e 600 euros para financiar a participación nas diferentes actividades solicitadas durante o ano 2022. A área de medio rural da Deputación inviste un total de 40.000 euros neste programa co que pretende tamén contribuír a consolidar unha oferta de recursos e servizos educativos ao redor do sector primario e visibilizar referentes no rural.

Da Escola á Granxa ofrece un amplo abanico de actividades por parte dun total de 25 produtores e entidades de distintos ámbitos do sector agrícola e gandeiro, desde o cultivo de froitas ou produtos de horta, ata castañas, mel, ovos, leite e carnes de vacún, ovino, caprino, avícola ou cabalar.

Da Escola á Granxa ofrece un amplo abanico de actividades por parte dun total de 25 produtores e entidades de distintos ámbitos do sector agrícola e gandeiro

A este respecto, Mónica Freire detallou que "as preferencias dos solicitantes son moi diversas, polo que configurarase un calendario de actividades distribuído por toda a provincia para achegar aos máis pequenos a realidade dun sector que innova e que desenvolve un papel fundamental non dinamismo económico e social e na conservación do territorio das distintas comarcas”.

A concesión das subvencións terá que ser referendada pola xunta de goberno e publicada no Boletín Oficial da Provincia, co obxectivo de que as actividades se poidan empezar a desenvolver no inicio do próximo curso.

Comentarios