O PPdeG ve na Deputación de Lugo "os estertores do besteirismo"

Tellado lamenta esta nova "crise de goberno" por culpa do "pacto de perdedores" entre PSOE e BNG

Miguel Tellado. AEP
photo_camera Miguel Tellado. AEP

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, sostivo este mércores que na Deputación de Lugo están "os estertores do besteirismo, que segue campando na provincia", tras a votación do martes na que un deputado socialista se situou en contra do resto do seu grupo.

O vicepresidente da Deputación, delegado de Vías e Obras e presidente da empresa pública Suplusa, Manuel Martínez, volveu romper a disciplina de voto do grupo provincial do PSdeG no transcurso dun pleno e votou xunto cos deputados do Partido Popular en contra da Relación de Postos de Traballo (RPT) que pretendía aprobar o Goberno que preside Darío Campos.

En rolda de prensa, Miguel Tellado mantivo que isto é unha nova "crise de goberno" na institución provincial, que se deriva do pacto entre PSdeG e BNG. "En Lugo vivimos un novo episodio do prexudiciais que poden ser os pactos de perdedores", continuou antes de asegurar que o ocorrido "son os estertores do besteirismo, que segue campando na provincia de Lugo".

Tras vincular ao anterior presidente provincial e ex secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, co sucedido, o secretario xeral dos populares galegos recordou que o seu partido gañou en votos nas municipais de 2015. Opinou que "moito mellor lle iría" á Deputación "se se respectase a vontade maioritaria dos cidadáns", cun goberno do PPdeG. 

Comentarios