sábado. 17.08.2019 |
El tiempo
sábado. 17.08.2019
El tiempo

O PP presenta o seu novo grupo provincial con cinco deputados que se estrean

Candia pide ao PSOE que "deixe de utilizar as institucións como instrumento onde intenta arranxar as desavinzas internas"

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, presentou este sábado ao equipo de traballo que conformará o novo grupo provincial popular na Deputación lucense, que contará con cinco deputados que se estrean neste mandato, entre os cales se atopa o exalcalde de Foz, Javier Castiñeira.

"Temos un proxecto de provincia que esperamos poder executalo para gobernar esta institución, se respectan o que decidiron os veciños, pero se os que perderon non nos deixan facelo, faremos unha oposición construtiva e coherente", subliñou Candia, quen subliñou que se trata dun "grande equipo" que "gañou as eleccións", polo que "está en disposición de gobernar".

Tal como recolle o PP de Lugo nun comunicado, en total son 12 os deputados populares na Deputación, dos cales cinco estréanse no cargo. Trátase do xa nomeado Javier Castiñeira; do concelleiro de Lugo, Óscar Poy, e dos alcaldes de Palas de Rei, Friol e Folgoso do Courel, Pablo Taboada, José Ángel Santos e Lola Castro, respectivamente.

"Vimos con ilusión e con gañas de traballar. Apostamos pola colaboración institucional e o reforzo do traballo conxunto co Goberno do Estado, a Xunta e os concellos. Todo o contrario de como empregou estes anos o PSOE a Deputación", indicou Candia.

PSOE. Deste xeito, pediu ao PSOE "que deixe de utilizar as institucións como instrumento onde intenta arranxar as desavinzas internas". "Nós falamos da provincia e temos a responsabilidade de non traer ningún problema a esta administración", sentenciou.

Así, insistiu en que a acción do PP estará centrada en demandar ao goberno novos instrumentos que potencien os servizos sociais, o emprego e desenvolvemento dos sectores produtivos, a mocidade e a infancia, a mellora das infraestruturas e a posta en valor do potencial ambiental, cultural e turístico do que dispón a provincia. Ademais da propia Candia, polo Partido Xudicial de Mondoñedo serán deputados provinciais Javier Castiñeira e Jesús Novo. Por Vilalba estará Agustín Baamonde, exalcalde da capital da Terra Chá.

Polo Partido Xudicial de Lugo Óscar Poy, José Antonio García, Jesús Núñez, Francisco Balado, José Pardo Lombao e José Ángel Santos; mentres que por Chantada Pablo Taboda e por Monforte Lola Castro.

O PP presenta o seu novo grupo provincial con cinco deputados que...
Comentarios