O PP de Lugo pide a Sánchez que ingrese os fondos aos concellos

Os 'populares' critican que José Tomé se poña "de perfil" ante esta cuestión
Jaime de Olano. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Jaime de Olano. VITORIA RODRÍGUEZ

O vicesecretario de Participación do Partido Popular e deputado no Congreso Jaime de Olano pediu este venres en Lugo ao goberno de Pedro Sánchez "que ingrese aos concellos da provincia e á Deputación os ingresos que lles retén premeditadamente" e acusou ao presidente da Deputación, José Tomé de porse "de perfil" en relación a esta cuestión. 

Jaime de Olano cre que se trata "dunha chantaxe en toda regra". "O que nos vén a dicir o goberno é que ou hai investidura ou non haberá diñeiro nin para pagar a provedores", explicou, tras o que precisou que son fondos que, na súa maioría, "están destinados a pagar os servizos públicos básicos, sanidade, educación, dependencia, servizos sociais". 

Por todo iso, De Olano anunciou que os deputados na Cámara Alta e no Senado interpelarán ao Goberno para que este aclare "as razóns polas que non se procedeu aínda a transferir ás entidades locais e ás Deputacións os recursos debidos, así como en que forma van cubrir este esforzo orzamentario". 

Os populares esixen a Sánchez "que cumpra coa súa obrigación"

Os populares esixen a Sánchez "que cumpra coa súa obrigación" e denuncian que "é mentira cando din que un Executivo en funcións non pode aprobar esta medida, porque se fose un goberno responsable, fíxoo antes das eleccións mediante un decreto-lei". 

De Olano tamén cargou contra os responsables socialistas en Galicia, que se puxeron "de perfil", xa que "o PSDEG e Gonzalo Caballero foron os únicos membros do PSOE dunha Comunidade Autónoma que non reclamaron a transferencia destes fondos". 

Doutra banda, lamentou que o presidente da Deputación, José Tomé, "perdese" unha oportunidade para reclamar o diñeiro que Sánchez retén ás administracións, na reunión que mantiveron en Ourense alcaldes e presidentes provinciais. 

Comentarios