O PP lucense alerta do "serio perigo" que corren as residencias con José Tomé

Di que o presidente provincial "desacredita" aos seus antecesores ao non querer continuar coa construción dos centros
photo_camera Saúdo entre Candia e Tomé no pleno do xoves. PEPE TEJERO

O grupo provincial do Partido Popular lamentou o venres, a través dunha nota de prensa, "a pouca altura política" do novo presidente da Deputación, José Tomé Roca, ao anunciar que non construiría máis residencias de maiores da rede provincial. Para os populares, estas manifestacións poñen de relevo que estes centros "están en perigo hoxe máis que nunca".

Os populares tamén din que o novo presidente provincial "desacredita" aos seus antecesores ao non querer continuar coa construción destes centros, que definen como "o proxecto estrela do besteirismo" e que, recordan, foi outra das apostas de Darío Campos durante o seu mandato, ata o punto de anunciar "novas infraestruturas en alomenos outros sete concellos antes das municipais", concretamente os de Cervantes, Folgoso do Courel, A Proba do Brollón, Portomarín e Ourol.

Ademais, os populares tamén recordan que o anuncio pon en perigo as residencias de Pantón, para a que se anunciou unha partida de medio millón de euros nos orzamentos de 2019, e a da Pontenova, para a que xa se aprobaron a adquisición dos terreos onde se levantará o edificio. Segundo o PP, as declaracións de Tomé "fan saltar todas as alarmas" e alerta sobre os posibles consecuencias que esta decisión poderá ter sobre os postos de laborais que foron creados para traballar neles.

Os integrantes do grupo provincial popular, cuxa portavoz será previsiblemente Elena Candia, tamén mostraron a súa sorpresa polo feito de que Tomé anunciase publicamente que dedicará dous días da semana ás súas obrigacións como alcalde de Monforte e tres á Deputación. Para os populares, isto significa que será un presidente de xornada "reducida" e un "alcalde ausente".

REACCIÓN. A contestación dos populares prodúcese como contestación á entrevista que este medio publicaba o venres a José Tomé nada máis tomar posesión do seu cargo. Nela, o novo presidente dos lucenses rexeitaba continuar ampliando a rede provincial de centros de maiores "por tratarse dunha competencia da Xunta".

Comentarios