O PP denuncia que a Deputación de Lugo publica "información nesgada"

Critican que o ente provincial anunciou unha investimento de 340.000 euros para mellorar unha estrada e, supostamente, esa contía correspóndese co arranxo de tres vías provinciais

Elena Candia. AEP
photo_camera Elena Candia. AEP

O grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo denunciou a publicación de información "nesgada" por parte do goberno socialista a través da súa conta institucional de Facebook.

En concreto, os populares referíronse a unha publicación do pasado 26 de agosto na que se anunciaba un investimento de 340.000 euros para mellorar unha estrada provincial que une os municipios lucenses da Fonsagrada e A Pontenova.

Os populares denunciaron que, "segundo se pode comprobar na Plataforma de Contratación do Sector Público", esta contía correspóndese co arranxo de tres vías provinciais e non co dunha soa.

"A maiores", indican os populares, "en lugar dos 340.000 euros que citan como presuposto base de licitación, finalmente a actuación foi adxudicada por un importe de 231.000 euros".

"Están a anunciar un investimento 109.000 superior á que finalmente se levou a cabo", precisaron desde o grupo popular.

Desde o PP lamentan que "o executivo provincial trate de enganar así aos veciños", máis aínda "cando as cifras son públicas, segundo a normativa vixente".

De feito, tacharon a información vertida nas redes sociais como "publicidade enganosa" e unha "mentira descarada" á xente da provincia. 

Comentarios