Catro pontes de Fomento en Lugo presentan unha "deterioración grave"

Dous da A-6 nas Nogais e outros tantos da N-640 na Pontenova necesitan reparación

Viaducto de Noceda, en la A-6 a su paso por As Nogais. EP
photo_camera Viaduto de Noceda, na A-6 ao seu paso polas Nogais. EP

O tráxico derrube dunha ponte en Xénova o pasado agosto puxo o foco no mantemento destas estruturas, lastrado polo recorte en investimentos en conservación durante a crise. No conxunto do Estado hai 66 que presentan un "grao de deterioración grave", das que 10 se atopan en Galicia e, concretamente, 4 en Lugo. Trátase de dous viadutos na A-6 ao seu paso polas Nogais —os de Noceda e Silvela— e outros tantos na N-640 na Pontenova —nos quilómetros 26 e 30—, ambos sobre o río Eo, lindando con Asturias.

Así se extrae dun informe do Ministerio de Fomento feito público este domingo pola dixital de El País, que de todos os xeitos recolle unha mensaxe tranquilizadora: "En ningún caso hai ou houbo perigo estrutural de esborralle nin risco para os usuarios".

Iso si, o documento, extraído da base de datos do Sistema de Xestión de Pontes (SGP), indica que se fan necesarias obras nas infraestruturas sinaladas a curto ou medio prazo, excepto en 17 que xa foron reparadas ou están en proceso nestes momentos. Nesta última situación atópase precisamente a única ponte en deterioración que se detectou en Ourense —na N-541— e dúas da N-634 na Coruña, provincia que conta, en cambio, con outros tres viadutos marcados en vermello, en pleno centro urbano de Ferrol, que seguen á espera de ser arranxados, como sucede cos catro de Lugo.

Con todo, o feito de que nas infraestruturas sinaladas na provincia non se acometeran aínda actuacións de conservación mostra ao mesmo tempo que non se atopan en tan mal estado como outras das 66 incluídas na lista de Fomento.

Á marxe do estudo de elementos da construción, o certo é que nos viadutos de Noceda e Silvela obsérvase un mal estado de conservación en elementos superficiais, como os valos de protección, que están oxidados na súa maior parte.

A provincia está entre as oito españolas onde os técnicos de Fomento inspeccionaron máis quilómetros de estrada.

Comentarios