Piden que se cubran vacantes en vixilancia en edificios xudiciais de Lugo, Viveiro e Monforte

O Sindicato Unificado de Policía afirma que se está recorrendo a traballadores de seguridade privada
Juzgados de Lugo. AEP
photo_camera Xulgados de Lugo. AEP

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) denunciou un déficit de persoal na vixilancia de edificios xudiciais e cualificou de "urxente" a convocatoria das prazas vacantes. No caso de Lugo solicita que se cubra unha vacante de xefe de Subgrupo Operativo e outro xefe que Equipo Operativo.

O SUP tamén fai unha petición no caso de Persoal Operativo en diversos edificios da provincia, con unidades en situación precaria. Ademais de Lugo, mencionan Viveiro e Monforte, que aseguran que atravesan momentos de suma "urxencia".

Desde o sindicato trasladaron as súas peticións a través dun escrito ao xefe superior de Policía e ao delegado do Goberno en Galicia xa que, segundo aseguran, as unidades dedicadas a esta vixilancia presentan na actualidade "un déficit superior ao 50%". "A última convocatoria foi en marzo de 2017 e, desde entón, a pesar de librar anualmente a Xunta de Galicia as partidas para que a Dirección Xeral da Policía retribúa o labor destes axentes, está a ser necesario contratar seguridade privada para suplir este acusado déficit de persoal", explica.

O sindicato apunta ao "custo económico que iso supón e a limitación operativa implícita" como parte dos seus argumentos para reclamar a convocatoria das vacantes.

PRAZAS. En concreto, piden cubrir as dúas vacantes existentes da escala executiva, todas as vacantes de xefe de Subgrupo Operativo (dúas, a mencionada en Lugo e outra en Ourense) e as de xefe de Equipo Operativo (catro; unha na Coruña, dúas en Pontevedra e unha en Lugo). "E que, cando menos, se convoquen 24 prazas para policías ata alcanzar a ocupación media na rexión en relación coas prazas catalogadas para Persoal Operativo".

En canto a Persoal Operativo, ademais de Lugo, Viveiro e Monforte, citan Ferrol, Ribeira, Ourense (con dous edificios xudiciais), Pontevedra (con dous edificios xudiciais) ou Vigo (con varios edificios xudiciais e en dúas localidades distintas). A iso, suman as próximas xubilacións como "o caso da Coruña", sinala neste caso en alusión a tres prazas.

Comentarios