Pequenos pasos e grandes avances

Cada centro educativo ten un alumno con TDAH. Tres proxectos lucenses para axudarlles a aprender recibiron unha distinción
TDAH. RTVE
photo_camera O TDAH afecta a un 7% da poboación española. RTVE

Tres proxectos de profesores que o pasado curso traballaron nos institutos de Foz, Quiroga e A Fonsagrada recibiron unha distinción pola súa contribución á atención dos alumnos con TDAH. O seu obxectivo era facilitar a aprendizaxe e integración na aula dos rapaces con esta característica, con estratexias educativas adaptadas, propostas lúdicas que captasen o seu interese e emprego das novas tecnoloxías para fomentar a participación.

Os docentes dos tres institutos lucenses optaron a unha bolsa de 3.000 euros que conceden as fundacións Ingada e María José Jove para facelos realidade. Non lograron o premio económico, que recaeu nunha proposta do IES Nº1 da Estrada, pero si obtiveron un recoñecemento ao quedar finalistas entre ducias de proxectos chegados desde as catro provincias galegas.

Todo comezou cando Juan Javier González e Laura Pérez polo IES de Foz, Beatriz Meijide polo IES Fontem Albei da Fonsagrada e Ana Belén Fernández polo IES de Quiroga participaron nun curso promovido polas fundacións Ingada e María José Jove, co apoio da Consellería de Educación, para ofrecer aos profesores o coñecemento necesario sobre o TDAH, para que poidan abordar este trastorno nas aulas da mellor maneira posible e facilitar o desenvolvemento e integración dos alumnos que o padecen.

Ao remate, os 150 participantes no curso elaboraron cadanseu proxecto e os correspondentes aos profesores da Fonsagrada, Quiroga e Foz foron distinguidos como finalistas. 

Dáse a casualidade de que todos os autores dos proxectos cambiaron de centro este ano, pero deixaron pegada en Quiroga, Foz e A Fonsagrada, así como pautas para abordar con éxito a formación dos rapaces con TDAH. 

Beatriz Meijide
Beatriz Meijide, profesora de inglés.

A FONSAGRADA. "O principal obxectivo era que se divertisen. Primeiro de BAC é un curso moi duro, moi esixente, e eu quería facer algo para que a asignatura de inglés fora máis que gramática e vocabulario", explica Beatriz Meijide. E esa foi a base do seu proxecto. Está orientado a favorecer a integración e aprendizaxe dos rapaces con TDAH, pero o sistema de achegarse á materia beneficia a todos.

As claves da actuación son o traballo en equipo, o emprego de novas tecnoloxías e promover tarefas curtas e atractivas para os intereses de cada rapaz. "Organizamos grupos de catro persoas e cada un decide que quere facer, un proxecto no que estean interesados. Isto favorece aos rapaces con TDAH porque sempre teñen algo que lles gusta moito e que controlan bastante".

Beatriz Meijide procurou un xeito lúdico de ensinar inglés na Fonsagrada

Para desenvolver estes proxectos de traballo os rapaces poden utilizar as novas tecnoloxías. "É un xeito de atraelos porque lles gusta moito", explica a profesora. Neste aspecto tiña sentido optar á bolsa das fundacións Ingada e María José Jove, "para que tiveran os medios necesarios para traballar coas novas tecnoloxías a nivel máis profesional".

Non conseguiron o diñeiro, pero o esforzo de Beatriz Meijide non caeu en saco roto porque implica unha metodoloxía de aprendizaxe que non pasa desapercibida. "Eu quero que aprendan mentres o pasan ben porque diso é do que se van lembrar dentro duns anos, non do que memoricen agora".

E como o esforzo hai que valoralo, "se o traballo era adecuado había unha recompensa, que consistía nun tempo con xogos de mesa adaptados á asignatura que servían para repasar de xeito lúdico contidos de gramática e fonética". Beatriz Meijide engade que "a intención era que foran os rapaces con TDAH os que explicaran as normas do xogo aos compañeiros. Dese xeito dábaselles importancia, recoñecemento".

A clave é traballar en equipo en proxectos elixidos polos propios alumnos

A profesora comenta que o traballo cos alumnos da Fonsagrada foi especialmente gratificante porque "son poucos, axiña se colle confianza con eles e son moi fáciles de levar. Ademais, son moi comprensivos e teñen moi arroupados os rapaces con TDAH". Confesa que bota en falta esa proximidade porque o seu actual destino é un centro con 600 alumnos no que a cercanía é moito menor. Aínda así, non desiste e di que "en canto nos adaptemos todos intentarei desenvolver algún proxecto deste estilo".

Ana Belén Fernández Melón, profesora de lingua galega.
Ana Belén Fernández Melón, profesora de lingua galega.

QUIROGA. Ana Belén Fernández tivo un pensamento parecido ao de Beatriz Meijide cando deseñou un proxecto para os alumnos de lingua galega do IES de Quiroga: buscar o xeito de motivar os rapaces e procurar a súa boa disposición para o aprendizaxe.

A profesora de lingua galega valeuse para conseguir este obxectivo de dúas ferramentas fundamentais "a inmersión lingüística no rural e o reforzo positivo".

Ana Belén Fernández ideou un proxecto para ensinar lingua galega en Quiroga

Ana Belén Fernández partía da base de que "existen moi poucos rapaces que falen galego, de aí que as clases deban ser deseñadas tendo en conta esta realidade. É dicir, a materia de galego debe impartirse desde a idea de que, para a maioría do alumnado, é practicamente unha segunda lingua, equiparable ao inglés. Se a calquera rapaz lle custa estudar unha lingua que non é a materna, a un con TDAH aínda máis". Con esta premisa, a profesora comenta que "aínda que os alumnos sexan neofalantes, o vitimismo non beneficia. O galego é unha lingua viva, non vencida, e hai que darlles a oportunidade de que a aprendan".

Tras constatar que en Quiroga "a lingua galega segue viva na xeración dos avós" dos seus alumnos, procurou unha "inmersión na realidade", priorizando a práctica fronte a teoría e o traballo en grupo "porque aos rapaces con TDAH gústalles sentirse integrados".

Deseñou unha serie de actividades que favorecían o contacto co entorno lingüístico axeitado a través de saídas a lugares de interese, encontros con persoas que podían achegar vocabulario específico (unha bióloga, un carpinteiro...) e actividades polas que os estudantes tivesen interese.

Neste apartado resultou moi gratificante o teatro. "Estaban moi motivados. Fixeron todo eles. Os textos, o vestiario, cada grupo montou unha peza e sorprendeume a espontaneidade. Os rapaces con TDAH participaron moito nesta actividade".

Considera que «axudar a entender a todos os alumnos é unha cuestión de igualdade

Ana Belén Fernández incide na necesidade de "ser moi afectivos, dar reforzo positivo e alegría. É necesario que saian satisfeitos do seu traballo porque tenden a pensar que non poden, é un pensamento recorrente que os limita e os frustra".

En canto ás estratexias de aula, apunta que non só benefician aos alumnos con TDAH, senón que son favorables para todos. "Axudar a entender é unha cuestión de igualdade", sentenza, e detalles como "utilizar un tipo de letra claro, ser concisos ao preguntar, ofrecer instrucións sinxelas e non dar nada por sentado nin por sabido é bo para todos".

Juan Javier González, profesor de xeografía e historia.
Juan Javier González, profesor de xeografía e historia.

FOZ. Juan Javier González e Laura Pérez traballaban o curso pasado no IES de Foz e deseñaron un proxecto para facilitar o achegamento dos alumnos con TDAH á materia de xeografía e historia. Conscientes da importancia da motivación para a aprendizaxe, recorreron ao que máis atrae os rapaces: o xogo e as novas tecnoloxías.

Neste caso atoparon unha ferramenta ideal para os seus intereses. O videoxogo Minecraft, que permite crear escenarios de acción ao gusto dos participantes. Tomando como base este recurso, os profesores propoñen que os alumnos constrúan un hábitat do Paleolítico, unha aldea do Neolítico e un poboado da Idade dos Metais.

Javier González e Laura Pérez recorreron a un videoxogo para ensinar historia

Cada un destes espazos debe cumprir unhas pautas que os mestres especifican previamente. Para a súa construción, os alumnos teñen que coñecer as características de cada época histórica, fitos esenciais que marcaron a evolución do home.

O xogo elixido facilita esta aprendizaxe. Nunha primeira etapa os rapaces teñen que utilizar ferramentas de pedra e ata que estas están ben desenvolvidas non teñen acceso ao cobre, que á súa vez lles facilitará o camiño ata o ferro. Para acceder aos metais terán que construír minas e centros de transformación ata convertelos nas ferramentas que necesitan. E non poden esquecerse de que necesitan alimentos para sobrevivir. A agricultura e a gandaría serán parte das súas tarefas diarias.

Os autores do proxecto pensaron no xogo para captar a atención de todos os alumnos, pero especialmente dos afectados por TDAH porque "una problemática importante del alumno con TDAH es la rápida excitación ante alguna actividad estimulante, pero que a menudo se frena con la misma rapidez ante las primeras dificultades o por el simple hecho de que su cerebro no le permite focalizar tanta atención demasiado tiempo". O seu obxectivo con este procedemento é "mantener esa tensión a lo largo del trabajo que proponemos".

O obxectivo era captar a atención dos alumnos con TDAH dun xeito constante

O transcurso do xogo ofrece elementos de satisfacción. O esforzo de construción tradúcese axiña en logros que permiten seguir avanzando e xera unha dinámica que propicia o interese sostido.

Como nos outros casos, os autores do proxecto non continúan no instituto para o que foi deseñado, pero manteñen a súa intención de procurar os medios axeitados para aplicalo sempre que sexa posible porque saben que en todos os centros hai un alumno con TDAH.

QUE É O TDAH?
► O trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) é o problema de neurodesenvolvemento máis frecuente na infancia. Estímase que en España afecta a un 7% da poboación, aínda que hai estudos que elevan a taxa ata o 10% na poboación infantil.

Síntomas
► As persoas con TDAH teñen dificultades para concentrarse e para manter a atención durante un tempo prolongado, son impulsivas e nalgúns casos presentan tamén hiperactividade. 
► Estas características dificultan a aprendizaxe na etapa escolar se non se atenden adecuadamente e derivan en frustración e baixa autoestima dos estudantes pola imposibilidade de alcanzar os obxectivos educativos básicos.

Diagnóstico
► O TDAH soe diagnosticarse a partir dos sete anos. Pode detectarse antes, pero as características dos nenos menores desa idade dificultan un diagnóstico seguro. A maioría mantén o trastorno na adolescencia e na idade adulta, de aí a importancia de detectalo e atendelo axeitadamente en cada etapa da vida.
► O número de casos aumentou considerablemente nas últimas décadas, sobre todo debido ao maior coñecemento sobre o TDAH. No pasado este trastorno pasaba desapercibido e quen o padecía era simplemente un neno revoltoso, que interrompía a clase, incapaz de estar sentado e de prestar atención ás explicacións do mestre.
► O diagnóstico facilita o tratamento e a atención para evitar o fracaso escolar. O desenvolvemento dunha persoa con TDAH diagnosticado e tratado pode ser normal.

Necesidades
► As persoas con TDAH precisan comprensión porque non poden evitar certos comportamentos que se consideran inaxeitados en determinadas situacións. Son impulsivos cando actúan e falan sen filtros, polo que ás veces son rechazados no seu círculo social.
► Cando algo lles interesa son quen de concentrarse, polo que necesitan estímulos axeitados. Poden aprender como calquera outra persoa, pero os métodos educativos tradicionais non son adecuados polos seus problemas para prestar atención moito tempo.

Comentarios