Pequenas pingas nun mar de soños

As plataformas de mecenado son un escaparate para emprendedores e o lugar onde calquera se pode sentir necesario por tres euros.
Un espectáculo da última edición do festival Agrocuir, en Monterroso.  XESÚS PONTE (AEP)
photo_camera Un espectáculo da última edición do festival Agrocuir, en Monterroso. XESÚS PONTE (AEP)

As plataformas de crowdfunding son fábricas de soños, lugares onde se refuxian emprendedores, creadores, persoas ilusionadas que necesitan apoio económico para sacar adiante o que lles ronda na cabeza. Son espazos onde conflúen quen ten ideas e quen pode facelas realidade. E pinga a pinga faise un océano.

As plataformas de mecenado popularizáronse e convertéronse nun sistema xa habitual para sacar adiante proxectos moi diversos. Consiste en que pequenos mecenas pagan por adiantado por produtos, servizos, experiencias... por calquera cousa que estean dispostos a consumir.

Así, con achegas humildes contribúen a editar discos, libros, a facer películas, a organizar eventos, a limpar montes ou a crear un local social, a poñer en marcha unha empresa ou a calquera outro proxecto que alguén logre imaxinar. A clave está na confianza que os mecenas depositan nun emprendedor que necesita a súa axuda e que se compromete a darlle unha recompensa no futuro.

Verkami e Goteo son das plataformas máis utilizadas, pero hai moitas. A primeira ten carácter comercial, mentres a segunda alberga só iniciativas que demostren ter unha función social. Por este motivo, calquera mecenas que faga unha achega a través de Goteo poderá desgravar o 80% da cantidade que pague.

Emprendedores e creadores chegan a estas plataformas buscando diñeiro, pero non só iso. O sistema de mecenado permite tamén coñecer de antemán o interese que suscita un produto, unha obra, un servizo. Se ninguén quere mercar un disco por adiantado, se non interesan as entradas para un espectáculo, se a oferta dunha empresa non resulta atractiva para os potenciais consumidores son pistas valiosas, detalles a ter en conta antes de iniciar un negocio e que poden evitar un fracaso.

Os emprendedores conseguen a través destas plataformas facer realidade os seus soños, pero a satisfacción dos mecenas non é menor. Calquera pode sentirse parte dun proxecto no que cre cunha achega de tres, cinco, dez euros. Esa sensación non ten prezo.

Antía Vázquez dá vida á Apalpadora.
Antía Vázquez dá vida á Apalpadora.

A APALPADORA. Antía Vázquez leva cinco anos dando vida á Apalpadora, esa muller que cada Noitevella baixa das montañas para comprobar que os nenos comeron ben. André Espiñeira ponlle o acompañamento musical a cada representación. Entre os dous idearon un proxecto para que esta figura traspase os marcos das serras e chegue ás casas de todos os nenos que desexen coñecela.

Estes dous creadores de Chantada teñen aberta unha campaña na plataforma Verkami para recadar fondos que lles permitan editar un libro e un disco sobre a figura da Apalpadora. A recadación está aberta e quen queira sumarse a ela aínda está a tempo.

Necesitan 6.000 euros para darlle forma palpable a un conto e unhas músicas que xa teñen ideados. "Queremos que a Apalpadora saia do Courel, dar a coñecer este personaxe, que non quede nun espectáculo puntual do mes de decembro", explica Antía Vázquez.

Un conto e un disco sobre a figura da Apalpadora buscan diñeiro para chegar aos nenos

Conta que a idea xurdiu ao comprobar que tras cada representación o público pedía algo para levar para a casa. "Fixemos unhas postais, pero sabía a pouco. A xente quería algo para agasallar aos nenos", apunta.

Así xurdiu a idea do libro. "Durante a pandemia tiven tempo e escribín un conto para explicar quen é a Apalpadora", apunta a autora. André Espiñeira fixo tamén os deberes e preparou cancións para un disco. O proxecto é común, pero na campaña de Verkami poden mercarse xuntos ou libro e disco por separado.

Ofrecen tamén outras recompensas, como postais, bolsas de tea, un ió-ió feito en madeira pola mesmísima Apalpadora e tamén actuacións para quen queira desfrutar do seu espectáculo.

Antía Vázquez agarda que moita xente se implique no proxecto para poder facelo realidade. "O sistema do mecenado permite saber de antemán o interese que suscita a túa proposta. E tamén nos axuda a facer publicidade".
De momento, os 6.000 euros necesarios para ter o libro e o disco na man están lonxe, pero aínda queda tempo para sumar apoios. Antía Vázquez e André Espiñeira comprométense a ter as recompensas axiña. "Enviaranse o antes posible, a tempo para a tempada de Nadal", auguran.

REAVIVAR UNHA ALDEA. A aldea de Vieiros, en Quiroga, é a protagonista doutro proxecto de mecenado. Estivo deshabitada durante un tempo, ata que dúas familias decidiron asentarse nela. Co obxectivo de coidar o entorno, abriron unha campaña de captación de fondos para mercar gando e poñer en marcha un "modelo sostible de pastoreo" que lles axude a manter o monte limpo e protexido do lume.

Queren facerse con cinco cabras e 30 ovellas que lles custan 2.850 euros, un burro e dous mastíns que valen 1.250 e material para traballar por valor de 2.250 euros. Tamén necesitan 600 euros para preparar os terreos e 750 para asesoramento. Ademais, a plataforma Verkami cóbralles 900 euros pola xestión do proxecto. En total, pretenden recadar 10.000 euros e ata o momento levan xuntado algo máis da metade.

Veciños de Vieiros procuran fondos para mercar animais que lles limpen o monte

Aínda queda tempo para sumarse ao proxecto e as recompensas son moi variadas. Pódense apadriñar animais e os promotores comprométense a enviar fotos e dar conta deles a quen o faga. Tamén ofrecen imáns, camisetas, táboas de madeira e experiencias pola serra do Courel, que van desde visitas guiadas á posibilidade de amasar e cocer pan nun forno tradicional.

As familias asentadas en Vieiros, xunto con outras que regresan á aldea cando teñen vacacións, queren darlle alento a un lugar que definen como un "paraíso". Ademais, queren compartilo con outra xente e ofrécense a ceder vivendas a quen queira instalarse na aldea.

ALAS RAÍCES. Polo rural tamén apostaron Cristina González e Sébastien Leprévost, que tras percorrer medio mundo decidiron asentarse en Xerdiz (Ourol). Comezaron a amañar unha casa e agora queren darlle unha utilidade social a parte dela. Pretenden "generar espacios de encuentro y cocreación, dinamizar la aldea, poner en valor oficios tradicionales como la carpintería y promover estilos de vida más lentos, sencillos, sanos y autónomos".

Para poñer en marcha este espazo comunitario estiman que necesitan entre 3.000 e 11.000 euros e abriron unha campaña de captación de mecenas a través da plataforma Goteo. A cifra mínima xa está asegurada, pero a recadación segue aberta e aínda hai tempo para darlle un pulo a este proxecto.

Unha parella de Xerdiz pide apoio económico para habilitar na casa un espazo de uso social

"Queremos dinamizar la aldea, que vuelva a cobrar vida y fomentar el encuentro entre vecinos y visitantes. Para ello queremos hacer actividades formativas y culturales en las áreas de carpintería, autodesarrollo, bienestar y arte", explican os promotores.

Sébastien Leprévost é carpinteiro e Cristina González é traballadora social. Coñecéronse compartindo proxectos de voluntariado e cooperación internacional e queren que a súa filosofía de vida prenda e agrome en Xerdiz.

Un momento da rodaxe da curta 'Sete herbas'.
Un momento da rodaxe da curta 'Sete herbas'.

SETE HERBAS. E para exemplo de cooperación, o de Pablo Fernández, Andrea Pico, Ainara Dalmau e Javier Gutiérrez. Todo comezou no piso que compartían cando estudaban Interpretación e Realización Audiovisual. Alí xurdiu a idea de facer unha curta. Botaban en falta productos audiovisuais centrados na cultura e a mitoloxía galega. Por que non facer unha curta sobre as meigas, se todo o mundo sabe que habelas hainas? 

Puxéronse mans á obra e en novembro chegará ás pantallas Sete herbas. Pero nin sequera un meigallo fai xurdir as cousas da nada e detrás deste proxecto hai un traballo intenso e unha campaña de recadación de fondos a través do mecenado. 

Os catro codirectores decidiron optar pola plataforma Verkami pola súa ampla difusión e non tiveron problemas para xuntar os 3.000 euros que necesitaban. "Fomos bastante xustos, pero non era un proxecto profesional e ninguén do equipo cobrou. Só necesitabamos o diñeiro para pagar desprazamento, aloxamento e comida", explica o lucense Pablo Fernández. A rodaxe fíxose integramente nas Pontes, de onde é Andrea Pico, e o Concello implicouse no proxecto cunha axuda.

A curta Sete herbas verá a luz en novembro tras recibir o respaldo de 96 mecenas

Todo foi como esperaban e está previsto que a curta chegue ás pantallas en novembro e os mecenas reciban as súas recompensas. "Estamos rematando a gravación da banda sonora e esperamos poder cumprir os prazos previstos", comenta Pablo Fernández.

Os promotores recibirán unha ligazón para poder ver a curta en internet e, se o solicitan, tamén poderán descargala. Ademais, están previstas proxeccións para o público xeral en Lugo e As Pontes. En trámite están outros pases en Vigo e Santiago e unha empresa distribuidora levará a cinta a diversos festivais de cine.

Pablo Fernández espera que o resultado lle guste tanto ao público coma a eles. "Do guión á pantalla sempre hai un treito bastante amplo, pero hai que ter flexibilidade para deixarte sorprender polo que vai saíndo. Contamos cun equipo espectacular que fixo grandes achegas e eu estou contento co resultado".

Membros do grupo Forget La France!!
Membros do grupo Forget La France!!

UN DISCO. O grupo lucense Forget La France!! optou polo sistema de mecenado para editar e promocionar o seu segundo disco, Fuimos aire. Fixeron unha campaña de captación de fondos en Verkami e conseguiron o seu obxectivo.

Roi Climan, membro da banda, explica que con este procedemento puideron "facer o disco sen necesidade de dispoñer de fondos propios. Traballamos co diñeiro que nos adiantou a xente".

Cando iniciaron a campaña, xa tiñan feito o traballo de estudio. Gravaran dez temas que estaban á espera de ser plasmados nun disco. Para iso necesitaban 3.500 euros e finalmente conseguiron 3.735.

O público do grupo Forget La France!! mercou o seu segundo disco por anticipado

"O máis complicado foi enviar as recompensas á xente que adiantou o diñeiro", comenta Roi Climan. "Deberan deixar un comentario cos seus datos e a dirección de envío", pero non todos o fixeron e cun par deles foi imposible contactar. "Escribimos ao seu correo electrónico, pero non tivemos resposta, así que aínda non sabemos a onde mandar o que lles corresponde".

O músico explica que o envío das recompensas corre a cargo do grupo porque nin Verkami nin os mecenas pagan por iso. "Tense que ocupar de todo o grupo. Hai que telo ben organizado porque a xente que adianta o diñeiro ten que recibir a súa recompensa".

E aquí vai o aviso: os mecenas do grupo Forget La France!! que aínda non recibiron as súas compensacións están a tempo de reclamalas porque os están esperando.

OVOS ECOLÓXICOS. Pero que moita xente axude non significa que o traballo vaia ser doado. Iso puideron constatalo os promotores de Xema e Clara, unha granxa de galiñas campeiras que inicialmente se proxectou para Chantada e finalmente se ubicará en Santiago de Compostela.

A idea xurdiu de Entrelampo, unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo facilitar a integración laboral das persoas con problemas de saúde mental. Fixeron unha campaña de recollida de fondos a través de Goteo, conseguiron algo máis de 49.000 euros e están á espera de licenza do Concello de Santiago para empezar a producir ovos ecolóxicos con 300 galiñas.

Un dos impulsores do proxecto, Juan Soriano, explica que o resultado final difire moito da intención de orixe, pero mantén o interese social de fomentar o emprego para un colectivo con dificultades de inserción laboral.

A aposta inicial por Chantada non foi casual. Tras visitar fincas por toda Galicia atoparon unha ideal para as súas pretensións: grande abondo e cunha nave que só precisaba certas reformas. Pero cando xa tiñan a imaxe da marca, o vídeo promocional, o proxecto de obra pagado, a licenza municipal e a campaña de recadación rematada, un técnico indicoulles que a cuberta era irregular e que non se podía autorizar a actividade no interior da nave.

Juan Soriano di que lembra ese día con todo detalle. "O sobrecusto de poñer unha nova cuberta elevaba o proxecto ata os 120.000 euros. Non era asumible e pensamos que ese era o fin", relata.

Producir ovos para dar emprego a enfermos mentais é a base do proxecto de Xema e Clara

 

Pero tras dixerir o mal trago, buscaron o xeito de reconducir o plan e seguir adiante, aínda que con cambios notables. "Tiñamos unha horta ecolóxica en Santiago e buscamos unha finca próxima para facer un complexo agrogandeiro. Atopámola e agora estamos á espera de que o Concello e Medio Rural nos dean licenza para instalar as galiñas e empezar a producir ovos ecolóxicos", explica.

Juan Soriano valora a posibilidade de poñer en marcha o proxecto de Xema e Clara, pero lamenta que non puidera ser en Chantada. "O que máis me doe é que xa tiñamos contacto cos potenciais empregados a través da asociación Albores de Monforte. Deume pena pola xente, que xa estaba ilusionada", e engade que descentralizar o proxecto, levalo fóra de Santiago, lle parecía interesante porque "sempre estamos beneficiando á poboación dun lugar e hai xente coas mesmas necesidades por toda Galicia".

Pero a cabeza non para e desde Entrelampo traballan nesta liña. "Comezaremos con 300 galiñas, pero se vai ben podemos ampliar. O espazo que temos chega para albergar 1.000. Aínda que a produción ecolóxica non ten sentido concentrada e a nivel de creación de emprego interesa tamén extendela a distintas comarcas", apunta cos ollos postos no horizonte.

AGROCUIR. Os organizadores de eventos tamén recorren con frecuencia ao sistema de mecenado. É o caso do festival Agrocuir, que se celebra en Monterroso.

Agrocuir leva varias edicións sufragando o seu festival con achegas de simpatizantes

As últimas edicións do Agrocuir foron gratuítas para o público, polo que os organizadores utilizaron a plataforma Goteo para recadar fondos entre os seus simpatizantes para sufragar as actividades. A cambio ofrecían diversos produtos da Ulloa, estancias na comarca e mesmo a oportunidade de participar nunha xornada de reforestación, á par dos habituais recordos do evento en forma de chapas, camisetas, bolsas...

Levan varias edicións superando os seus obxectivos económicos e, mentres así sexa, hai futuro.

Concerto do festival Osa do Mar, en Burela.
Un concerto do festival Osa do Mar, en Burela.

OSA DO MAR. Quen tamén parece que terá longa vida é o festival de música Osa do Mar de Burela, a xulgar polo apoio recibido polos seus seguidores. Os organizadores recorreron á plataforma Verkami para recadar fondos para a edición deste ano, que se celebrou no mes de setembro. Necesitaban 3.000 euros para pagar parte dos concertos e conseguiron 10.510. Un éxito rotundo e un respaldo do público indubidable.

Osa do Mar recibiu un gran pulo do público e conseguiu o triple do diñeiro que pedía

Os mecenas compraban entradas por anticipado, camisetas ou bolsos de tea, produtos que tiveron moi boa aceptación e o Osa do Mar regresou tras a interrupción imposta pola pandemia con máis forza ca nunca.

Comentarios