Outeiro de Rei e Monforte crearon un total de 69 novas empresas desde 2018

Os dous municipios forman parte do programa Concellos Emprendedores da Xunta. Un total de 133 localidades sumáronse a esta iniciativa, das que 19 pertencen á provincia de Lugo
2020082411410547455
photo_camera Accesos ao polígono empresarial de Outeiro de Rei. AEP

Os municipios de Outeiro de Rei e Monforte de Lemos suman desde o ano 2018, cando se integraron no programa Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia, un total de 69 novas empresas.

No caso de Monforte, que é Concello Emprendedor desde marzo de 2018, constituíronse 50 novas empresas nos últimos 29 meses. No período xusto anterior, é dicir, os 29 meses que comprenden desde setembro do 2015 ata xaneiro de 2018, o número de empresas creadas na localidade foi de 35, polo que o incremento foi de case un 43%. Cifras que sitúan a Monforte como o municipio lucense no que máis empresas se estableceron nos últimos meses.

A segunda posición deste ranking ocúpaa Outeiro de Rei, onde, desde que pasou a ser Concello Emprendedor en xuño de 2018 ata o pasado mes de xullo, constituíronse un total de 19 empresas, fronte ás doce que se crearon no período de marzo de 2016 a abril de 2018. Así, estes dous municipios lideran a lista de creación de empresas entre as 19 localidades lucenses integradas no programa Concello Emprendedor.

Outro dos municipios da provincia lucense que, en canto a porcentaxe, se atopa no máis alto da clasificación de creación de empresas, é o do Corgo. E é que de novembro de 2018 a xuño deste ano puxéronse en marcha cinco novos negocios, fronte aos tres que se crearon nos 21 meses que van desde xaneiro do 2017 a setembro de 2018.

Este programa impulsado pola Xunta de Galicia, que conta cun total de 133 municipios rexistrados en toda a comunidade, ofrece unha serie de vantaxes á hora de captar novas empresas.

Neste sentido, ofrécense bonificacións en impostos como o Ibi ou o IAE para aqueles proxectos que impliquen a implantación ou ampliación de empresas xa existentes e que pode chegar ata o 95%, no caso daquelas que cren máis de 20 postos de traballo, ou un mínimo do 50% pola creación de dez.

As empresas que se implanten nun dos 19 Concellos Emprendedores que hai en Lugo tamén teñen máis facilidades á hora de acceder a terreos industriais, xa que a concesión de licenzas tramítase nun prazo máximo de 30 días naturais desde que dispoñan de todos os informes necesarios.

Comentarios