Os tratantes de gando defenden a súa función ante as críticas de UU.AA.

A Asociación Galega de Empresarios do Gando, con sede en Baralla, lamenta as críticas vertidas por Unións Agrarias á súa figura e asegura que as acusacións que se lles atribuíron aos operarios comerciais amparados pola entidade son "totalmente falsas"

 

A Asociación Galega de Empresarios do Gando, con sede en Baralla, lamenta as críticas vertidas por Unións Agrarias á figura do tratante de gando e asegura que as acusacións que se lles atribuíron aos operarios comerciais amparados pola entidade son "totalmente falsas".

"Nós estamos cumplindo a lei totalmente, non sabemos de onde sacan iso", comenta o presidente da asociación, Enrique Otero, ante as acusacións do sindicato sobre tratantes que supostamente obrigan aos gandeiros a asinar un contrato que non cumpre a normativa legal, facéndolles entregar a súa produción sen pór prezo.

"É completamente falso", indica o presidente desta entidade que agrupa a 450 socios. "Nós somos os únicos da cadea que pagamos ao momento", asegura. "Sentímonos ofendidos polas duras palabras de José Ramón González, que nos chegou a chamar ‘mamporreros'", declara.

"Os prezos son baixos, é verdade. Pero iso non se soluciona eliminando aos intermediarios, que son os que lle dan competitividade ao mercado. A non ser que queiran que este quede en mans de dúas persoas", sentenza.

Comentarios