PERFIL

Marica Campo: Onde o mundo se chama Val do Mao

AppleMark
photo_camera Marica Campo

Unha amiga de San Cibrao, xa anciá, gozaba cando Marica Campo, que é como coñecen todos a María do Pilar Campo Domínguez (O Incio, 1948), acendía un puro nunha sobremesa. Parecíalle un xesto de independencia, de carácter, mesmo de rebeldía. Ese mesmo espírito revoltoso era o que lle facía coller a moto do seu pai ás agochadas na súa adolescencia. Así é esta escritora marcada por unha infancia moi rica en experiencias no Val do Mao. Alí estivo ata que se trasladou a Lugo aos 8 anos e alí volvía para gozar de veráns inesquecibles. Na casa grande da familia sempre había xente. Vivían moitos irmáns e un curmán, aos que se sumaban convidados e amigos. "Á misa de San Eufrasio e a comer á Casa do Comercio sempre se chega a tempo", reza un refrán do Incio.

Era un lugar con espazos que facían voar a imaxinación. Os nenos tiñan a man tesoiras ou madeiras para crear os seus propios xogos. Da inmensa viga que atravesaba o patio colgaban as cordas que sostiñan a albarda dun burro que servía de asento ao improvisado columpio. O avó de Marica, Julio Campo, tiña unha tenda na que se vendía de todo: foguetes, escopetas, material de ferretería, bicicletas ou cadaleitos, Nestes, agochábanse os pequenos para xogar a esconderse, cando non organizaban un cortexo fúnebre. As arqueadas cubertas dun baúl de coiro servían de barco para navegar polo río.

Foi a de Marica Campo unha infancia feliz e intensa, entre o constante ir e vir de xente que entraba e saía do negocio familiar. Daquel tempo quedoulle a querenza de vivir en casas grandes, xa fose na Regueira (Xove) ou en Guitiriz. Tamén garda dende entón ese apego á terra e á cultura popular da Terra Brava que se reflicte na súa obra. Tamén herdou, neste caso por influencia familiar, un fondo sentido da ética. "Sempre nos ensinaron que o diñeiro era o de menos, non pasa de ser un medio de vida. Meus irmáns e eu aprendemos a compartir. É algo que forma parte da miña natureza, se entendemos que a educación é unha segunda natureza", afirma Marica Campo. Escribe desde a súa conciencia. A súa literatura está impregnada dun compromiso moral cara á humanidade, contra as desigualdades económicas xeradas pola globalización, "un xeito de globalizar a pobreza".

Aquela nena inqueda deulle un xiro á súa vida moi nova, con 15 anos, ao coller os hábitos de monxa. No colexio relixioso de Lugo poñían películas "cuns negriños moi bonitiños, non famélicos como os vemos agora, e nunha contorna natural espectacular. Foi cando me deu por ser misioneira", conta Campo. Tamén lle influíu o feito de ter unha irmá que se fixo relixiosa e o empeño de querer demostrar á familia que «non era a mala, a traste, que tiña gañas de arranxar o mundo».

Profesou durante cinco anos, nos que rematou Maxisterio por libre e cursou estudos de Teoloxía. Deixou de ser monxa, pero segue a ser crente.

Xa desde moi nova, Marica Campo foi afeccionada á literatura e á escrita, aínda que confesa que lle apaixona máis ler que escribir. Publicou poemas en varias revistas, como Dorna, e relatos que incluso acadaron premios. Tamén fixo letras para grupos musicais como Fuxan os Ventos, como a recordada cantiga "Muller", que acadou un carácter popular. Reconfórtalle que o tema perdure, aínda que a súa autoría caia no anonimato. Tamén musicaron poemas seus A Quenlla, Tino Baz, Uxía ou Miro Casabella, entre outros.

Aínda que é melómana, Marica Campo considérase "negada para a música", pero ten facilidade para «adaptar unha letra a unha música e para facer letras que se poidan musicar ben».

SEN PRÉSA. Aínda que escribe desde moi nova, comezou a publicar tarde. En 1987 sacou á rúa unha obra teatral, pero foi en 1992 cando ve a luz o seu primeiro poemario, "Tras as portas do rostro", que recolle o seu traballo poético ao longo de dúas décadas. "Chegábame con escribir para a miña contorna. Fixen esa recompilación pola insistencia da xente próxima", asegura a autora.

A boa acollida deste poemario foi o precedente da publicación de 'Confusión e morte de María Balteira', un libro de relatos arredor de lendas galegas, con protagonistas femininas. Este tema rexurde na peza teatral 'Confusión de María Balteira'. A muller, como sucede tamén nas posteriores 'Memoria de Xoana' e 'Onde houbo lume', é o centro da súa obra. "Cústame menos falar delas que dos homes", subliña. A súa reivindicación feminista é clara, pero non significa ir en contra do masculino, senón «defender os dereitos das mulleres, corrixir as inxustizas que sofren e poñelas no lugar que lles corresponde», manifesta.

Para Marica Campo, a defensa da lingua e da identidade galega ten como consecuencia lóxica un posicionamento nacionalista. "A maioría dos escritores en galego defenderon a necesidade dun autogoberno ou dunha autodeterminación para existir como país. Loitar pola nosa lingua e a nosa cultura é facer pobo, o cal é a propia definición da política. Moitos enchen a boca falando do país, pero laminan de xeito sistemático a lingua e a identidade que nos fai país".

A casa, a terra, a lingua, o compromiso ou o sentimento feminista son esas razóns tan persoais e achegadas, e á vez tan universais, que proxecta Marica Campo como muller e escritora.

Preferencias. Aínda que o seu primeiro libro foi unha peza teatral, ‘O premexentes non poden cos paxaros rebezos’ (1987), Marica Campo comenta que agora lle dá preguiza escribir teatro. A autora non amosa preferencia por ningún xénero, pero está máis metida na prosa e na poesía. Publicou obras de literatura infantil e colabora con artigos de opinión no xornal El Progreso
 → A outros idiomas. O libro ‘Memoria de Xoana’ está a ser traducido ao inglés por Kathleen March, profesora emérita da universidade de Maine, que xa fixo o mesmo coa obra teatral ‘Confusión de María Balteira’.
Traballo de mestra Marica Campo exerceu como mestra en varios concellos da provincia, entre eles o desaparecido colexio público ‘Rivera Casás’ de San Cibrao, onde deu clase de galego cando era unha asignatura voluntaria e montou pezas teatrais co alumnado. Tamén exerceu como docente en Xove e Guitiriz.

Comentarios