Un novo roubo nun bar do centro de Baralla xera inquietude na vila

Os ladróns levaron o diñeiro do comecartos. En xullo, tres persoas foron detidas por un roubo similar neste mesmo local
Parte do núcleo urbano de Baralla. J. Vázquez
photo_camera Parte do núcleo urbano de Baralla. J. VÁZQUEZ

A onda de roubos que estes días sofren unha boa parte dos municipios lucenses chegou durante a madrugada do venres a Baralla, onde varios descoñecidos entraron nun céntrico bar do centro urbano para levar a recadación que había na máquina comecartos.

Os ladróns accederían ao local ao redor das 3.30 horas da madrugada e, para iso, forzaron a fechadura da porta de entrada. Unha vez dentro, rebentaron o comecartos e levaron o diñeiro, que os donos do establecemento aínda trataban o venres de cuantificar.

O suceso volveu a xerar inquietude na vila, onde este tipo de feitos sucédense con certa frecuencia. De feito, o bar asaltado o venres xa foi obxecto de roubos similares en múltiples ocasións, a última durante o mes de xullo.

Naquela ocasión, a rápida actuación da Garda Civil permitiu localizar rapidamente o vehículo no que fuxían os ladróns e, logo dunha longa persecución, os individuos —tres veciños da localidade coruñesa de Carballo— foron finalmente detidos en Laracha.

Este último suceso súmase á onda de roubos que se están producindo nun bo número de municipios lucenses e localidades limítrofes. Este é o caso por exemplo de Melide, onde a finais do mes de outubro, os hostaleiros mostraron a súa preocupación polos roubos en varios establecementos da vila.

Neste caso, os ladróns decántanse por entrar naqueles establecementos que contan con caixas rexistradoras automáticas. Para conseguilas, adoitan roubar algún vehículo vello estacionado na rúa e chocalo contra a porta do local. Unha vez dentro, os cacos fanse coa caixa rexistradora e lévanlla a algún lugar onde poder forzala tranquilamente e facerse así co diñeiro.

FURTO NUNHA MISA. A Policía Nacional de Viveiro investiga o furto dun bolso sucedido o venres na igrexa de San Francisco a unha señora maior mentres estaba misa. A muller acudiu á eucaristía das sete e á media hora deuse conta de que lle faltaba o bolso que deixara no chan, á beira do banco onde estaba sentada cerca do corredor central do templo vivariense.

A súa primeira reacción foi chamar ao móbil que contestou alguén que estaba nas inmediacións do templo e que atopara o bolso. Cando foi a recuperalo deuse conta de que lle faltaba a carteira, na que portaba diversa documentación, así como uns 800 euros en efectivo. Unha elevada cantidade que a muller portaba para facer fronte aos gastos de varios días, xa que se desprazou ata a cidade do Landro para pasar unha curta tempada cuns familiares, xa que reside fóra da localidade.

A igrexa acollía a esa hora unha misa de funeral, polo que no templo había bastante xente, unha circunstancia que aproveitou sen dúbida o caco, que investígase se escolleu á vítima ou foi casual.

Comentarios