O novo dron de Tráfico vixía as estradas lucenses para detectar infraccións de risco

Pode operar a 120 metros de altura e alcanza unha velocidade de 80 km/hora
photo_camera Así funciona el nuevo dron de Tráfico. VICTORIA RODRÍGUEZ

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou este xoves a seguridade que achega ás estradas galegas o novo dron da Dirección Xeral de Tráfico. Explicouno durante a súa presentación en Guntín, acompañado pola subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez.

Miñones salientou que o dron é a "gran novidade" da campaña de verán no tráfico galego. Xa estivo na provincia de Pontevedra, agora opera en Lugo, seguirá en A Coruña e, en setembro, está previsto que traballe en Ourense. 

"Sempre en tramos de estradas de alto risco de accidentes e con maior concentración de usuarios vulnerables", explicou sobre os puntos de actuación, con numerosos accidentes ou con alto tránsito de ciclistas, motoristas ou peóns.

A aeronave, de tecnoloxía e fabricación española pode operar a 120 metros de altura, alcanzar unha velocidade de 80 quilómetros por hora e ten unha autonomía de 40 minutos. O rango de operación é de 10 quilómetros dende o punto de saída, pero o habitual é operalo no campo de visión da persoa que o pilota.

É un complemento ao traballo dos axentes da Garda Civil de Tráfico. A planificación dos puntos a vixiar é fruto da coordinación entre a Dirección Xeral de Tráfico e o Instituto Armado. As infraccións que detecta poden ser notificadas no acto por un axente da Garda Civil ou poden ser tramitadas de forma posterior.

"A súa principal misión é detectar infraccións de risco, como condutas temerarias, adelantamentos imprudentes, non respetar sinais como un STOP, non usar o cinto de seguridade ou usar o móbil", engadiu. De feito, este mércores mesmo tivo un 50% de infraccións por saltar un STOP, un 30% por uso de móbil e un 20% por non usar o cinto. Non controla velocidade.

MORTALIDADE. A meta é "aportar seguridade" nas estradas galegas, nas que a estas alturas do ano xa houbo 44 vítimas mortais en 40 accidentes. Son oito vítimas menos que na mesma data de 2019, pero o delegado lembrou que o obxectivo é non ter ningunha.

José Miñones entende que os datos "son preocupantes", polo que apela á prudencia ao tempo que insiste na mensaxe de "tolerancia cero" coas infraccións viais.

Para iso, Tráfico conta en Galicia con 600 axentes da Garda Civil, máis de 300 cámaras, 270 radares, un helicóptero e tanto motos como furgonetas camufladas.

"E todo cun único obxectivo: lograr un verán seguro, estamos no ecuador e hai marxe de mellora", destacou tras unha exhibición ante os medios do funcionamento do dron, operado por dúas persoas, unha para a parte aeronáutica e outra para a toma de imaxes e as posteriores denuncias.

No acto participaron a coordinadora da DGT en Galicia, Victoria Gómez; o director do Centro de Xestión de Tráfico Noroeste, Ramiro Martínez; e o capitán do Subsector de Tráfico de Lugo, José Miguel Martínez.

Comentarios