miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

Norvento achega a máis dun milleiro de alumnos de Lugo a enerxía renovable

undefined
Escolares nun dos talleres sobre enerxías renovables. EP
A compañía lucense patrocina talleres e visitas, que encarga a Sotavento, dirixidos a estudantes dos oito concellos da provincia onde conta con parques eólicos

Norvento Enerxía, empresa do sector da enerxía renovable con sede en Lugo, patrocina un ano máis unha serie de visitas, charlas e talleres divulgativos, que serán desenvolvidos por Sotavento Galicia, para dar a coñecer este tipo de produción enerxética a case un milleiro de estudantes de doce centros educativos de primaria e infantil da provincia.

O primeiro ciclo de actividades desenvolveuse entre o 20 e o 24 deste mes, participaron 200 alumnos dos colexios Álvaro Cunquiero de Mondoñedo e Antía Cal de Muras. Estes estudantes recibiron a visita de expertos de ambas as firmas.

Este programa beneficiará aos centros educativos daqueles municipios lucenses nos que Norvento conta con parques eólicos, de face a facilitar a comprensión do rol das enerxías renovables a través de experiencias coas que os alumnos están máis familiarizados. Actualmente, a empresa ten nove parques eólicos repartidos en oito municipios lucenses: Mondoñedo, A Pastoriza, Riotorto, Abadín, Trabada, Lourenzá, A Pontenova e Muras.

O obxectivo deste proxecto é achegar as renovables aos máis novos mediante actividades didácticas e divulgativas para que poidan coñecer o seu uso e aplicación. As actividades están adaptadas ás idades, coñecementos e inquietudes de cada grupo de estudantes aos que van dirixidos e baséanse nunha metodoloxía dinámica, aberta, flexible, de carácter lúdico, que ofrece unha visión das enerxías renovables obxectiva e o máis ilustrativa posible.

Os educadores de Sotavento Galicia desprázanse aos centros educativos para realizar as actividades cos alumnos e empregan distintos materiais para que as actividades resulten máis dinámicas, como maquetas a escala de aeroxeradores, placas fotovoltaicas, mini turbinas hidráulicas e outros elementos para que o alumnado poida contemplalos e estudalos de primeira man.

Estes elementos serven para levar a cabo unha serie de xogos e actividades, como demostracións, consellos prácticos para aforrar enerxía no fogar e outros talleres ao redor das enerxías renovables, como a construción dunha cometa ou a degustación de chocolate elaborado usando enerxía solar. Para completar a formación, os alumnos visitan as instalacións de Sotavento e incluso o interior da góndola dun aeroxerador.

As visitas ao resto dos colexios incluídos nos programas continuarán nas próximas semanas co obxectivo de xerar conciencia entre os máis novos e de compartir a función das renovables nunha sociedade encamiñada cara descarbonización.

NORVENTO. Norvento é unha firma de tecnoloxías renovables con capacidade de actuación integral. Con sede en Lugo, leva décadas operando no mercado. A súa actividade abarca desde a fabricación de tecnoloxía e o deseño á construción e explotación de instalacións de enerxías renovables. Ten máis de 250 megawatts de plantas de xeración renovable, máis 750 megawatts desenvolvidos e máis de 1.000 en desenvolvemento, tanto en España como noutros mercados.

Norvento achega a máis dun milleiro de alumnos de Lugo a enerxía...
comentarios