Día do Voluntariado | Non hai ouro que o pague

Os voluntarios moven o mundo co seu altruísmo e algúns lucenses explican como
Olga Fernández, cun alumno. XESÚS PONTE
photo_camera Olga Fernández, cun alumno. XESÚS PONTE

Se houbese que pagar o traballo que cada día desenvolven os voluntarios nos distintos ámbitos da sociedade non habería diñeiro suficiente no mundo. Son persoas altruístas que regalan tempo, esforzo, coñecementos e recursos para mellorar o mundo e facer máis agradable a vida doutros.

Son xente que traballa só por axudar a outros, sen recibir nada material a cambio. As súas recompensas son etéreas. O seu esforzo non ten prezo, pero tampouco se pode taxar a satisfacción que reciben ao ver que a súa dedicación contribúe a mellorar a sociedade, a vida de alguén.

Lucenses que realizan labores de voluntariado contan as súas experiencias. Son historias diversas, ámbitos de actuación diferentes, pero todas orientadas a facer o mundo máis habitable.

Cren que non fan nada especial, que calquera podería poñerse no seu lugar, pero aí precisamente está a grandeza do seu traballo. Na disposición, no altruísmo, na determinación de levantarse do sofá e botarse a andar.

Lucía Rodríguez

Lucía Rodríguez ► Agareso

Lucía Rodríguez é xornalista de profesión e voluntaria de vocación. Soubo conxugar estas dúas facetas e a través da ONG Agareso canaliza os seus coñecementos sobre comunicación para axudar aos demais e traballar polo cambio social.

Esta xornalista lucense tomou contacto co voluntariado durante unha estancia no Reino Unido. "Alí hai máis cultura de voluntariado, é habitual que a xente o faga. Aquí ás veces pregúntanche se non tes nada máis que facer, pero aló veno como algo que enriquece, unha experiencia da que podes aprender moito", explica.

No Reino Unido colaborou cunha librería de Oxfam. "Vendían libros doados e eu ía unhas horas a axudarlles a catalogalos. Agradecíano moitísimo". Ese foi o inicio dunha sucesión de accións voluntarias que non ten trazas de ter fin.

Ao voltar a Lugo, Lucía Rodríguez soubo da actividade da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso). "Foi por casualidade. Vin unha reportaxe na televisión e pensei que era o xeito ideal de colaborar porque me permitía utilizar os meus coñecementos profesionais para axudar. Eu traballara na radio e eles tiñan un proxecto nese ámbito".

Lucía Rodríguez ofrece obradoiros de radio de temática social en Galicia e na República Dominicana 

Agareso organiza obradoiros de radio en colexios de Galicia, no Salvador e na República Dominicana. O obxectivo é traballar a través deste medio no fomento da igualdade, na loita contra a violencia, contra o discurso do odio ou na protección ambiental, entre outros temas.

Lucía Rodríguez participa en obradoiros por distintos colexios de Galicia e, ademais, fai o podcast Castañas no verán, un programa de temática social desde unha perspectiva galega. "Empezámolo no confinamento aproveitando que estabamos encerradas e xa imos pola terceira tempada. Somos oito compañeiras voluntarias do gremio xornalístico e facémolo porque cremos que desde os medios xeralistas non se trata ben este tipo de información, como o discurso do odio, o racismo, a lgtbfobia, a trata de seres humanos, a vivenda digna, a precariedade xuvenil..."

Pero as colaboracións desta xornalista lucense van máis aló das fronteiras do país e xa viaxou varias veces á República Dominicana, tamén con Agareso, "para desenvolver con mulleres de alí un proxecto de igualdade a través da radio".

Para realizar estas accións de voluntariado, utiliza as súas vacacións. "Hai quen non o entende, pero a min compénsame ir. É moi satisfactorio pensar que o teu coñecemento pode axudar, que algo do que sabes lle pode valer a alguén para estar mellor".

E esta xornalista xa ten demostrado que o que sabe vale moito. En Cruz Vermella tamén poden dar conta diso. "Cruz Vermella xestiona en Lugo o programa de protección internacional para refuxiados. Eu traballei con eles de voluntaria ensinándolles español. É un aspecto moi importante a ter en conta porque o descoñecemento do idioma deixa illadas esas persoas".

Para Lucía Rodríguez, esta actividade foi moi enriquecedora porque lle ofreceu a posibilidade de tratar con xente de moi diversa procedencia. "Había familias de Siria, de Irak, vítimas de trata, perseguidos políticos… Nas clases fálase de todo e eu aprendín moito deles", conta.

Traballou con Cruz Vermella recibindo inmigrantes das pateiras e ensinando español a refuxiados

Tamén coa Cruz Vermella traballou nun campamento de acollida de inmigrantes chegados en pateiras. "Foi en Andalucía, en Chiclana. Durante unha crise das pateiras montaron un campamento temporal para acoller a xente que chegaba. O meu traballo era facer un rexistro de cada persoa, para saber a idade, o país do que viña, algúns datos básicos. Como xornalista, foi unha maneira de estar no punto onde suceden as cousas, unha maneira de ver, de entender, de achegarme aos inmigrantes como persoas, de poñerlles cara. Ás veces falamos da xente que chega en pateiras como números e eu puiden velo desde outra perspectiva".

Leva feito tanto que xa quedou claro que o seu altruísmo é útil, pero non sempre foi así. "Cando empezas tes o síndrome do voluntariado, un sentimento de frustración porque pensas que a túa achega é tan pequena que non serve para nada, que non vai cambiar o mundo. Pero despois ves que o teu tempo é útil, que pode facerlle a alguén a vida máis amable. Iso é suficiente".

Lucía Rodríguez di que hai moitas oportunidades de facer voluntariado na vida diaria. "As avoas levan feito moito", apunta.

Natalia Protectora web

Natalia Carreira ► Protectora de Animales de Lugo

Natalia Carreira é voluntaria da Protectora de Animales de Lugo. Encárgase, con outras dúas persoas, de buscar casas de acollida temporal para os cans, mentres esperan por un fogar definitivo.

Esta tarefa é complicada e require moita dedicación. "Trabajamos mucho en las redes sociales para dar a conocer los perros, tanto para buscar hogares de acogida como para conseguir adopciones en hogares definitivos. También hacemos un seguimiento de los perros que están acogidos, atendemos cualquier problema veterinario que se les presente y también nos encargamos de las visitas de preadopción", explica.

Estas visitas aos fogares dos candidatos a adoptar un can son unha mostra da implicación da Protectora de Animales co benestar dos cans. "Hay que asegurarse de que cada perro va para un lugar adecuado para él, no pueden estar de cualquier manera. Por eso hacemos una valoración inicial de cada casa para evitar problemas", apunta.

Natalia Carreira recoñece que o seu traballo require dedicación porque "absorbe mucho tiempo", pero valora especialmente o labor doutros compañeiros que se ocupan das tarefas de mantemento das instalacións e da atención directa aos cans. "Hay una parte de voluntariado muy activo que se ocupa de limpiar los caniles, de lavar los perros, de cepillarlos, de darles de comer, de sacarlos a pasear. Ellos hacen la parte más dura, pasan frío y ven la cara más ingrata. Atienden a los perros cuando están en malas condiciones, cuando hay una pelea…"

Natalia Carreira busca casas de acollida temporal para cans da Protectora de Animales de Lugo

Destaca tamén o papel de dúas voluntarias que se ocupan da adopción internacional. "Sobre todo con Reino Unido y Holanda. Allí no hay tantos perros abandonados y los albergues están en mejores condiciones, por eso muchos deciden adoptar aquí, aunque les resulta más caro porque asumen los gastos de viaje del perro. El sistema funciona muy bien. La gente se implica mucho y facilita el seguimiento a través de informes, vídeos y fotos".

Como responsable de acollida, estas semanas ten un traballo moi intenso por diante. "Necesitamos con urgencia hogares para Navidad. Muchos perros están acogidos temporalmente en casas de estudiantes universitarios que se van de vacaciones y no pueden llevarlos. El objetivo es encontrar hogares alternativos para que no tengan que volver al albergue. Sería solo durante las vacaciones, hasta que regresen los estudiantes. Las casas de acogida son muy importantes, realizan una labor fundamental".

Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark

Olga Fernández ► Cáritas

Olga Fernández traballou de mestra toda a súa vida. Agora, xa xubilada, puxo os seus coñecementos a disposición dos demais e, a través de Cáritas, ensina lingua española ás persoas que o necesitan.
"Eu vivín da ensinanza e agora que estou xubilada podo seguir axudando de xeito voluntario. É enriquecedor, moi satisfactorio", apunta. E os seus alumnos estanlle moi agradecidos.

Esta mestra xubilada ensina lingua española aos inmigrantes que queren presentarse ao exame para conseguir a nacionalidade. Tamén participa no programa de competencias clave de Cáritas, para preparar as persoas, españolas ou estranxeiras, que precisan demostrar uns coñecementos básicos da lingua para acceder a cursos de formación profesional.

Olga Fernández dá clases de español a inmigrantes que queren obter a nacionalidade

Olga Fernández está moi satisfeita da experiencia. "Teño contacto con xente de moi diversas culturas, aprendo moito deles. O que máis me sorprende é ver como se axudan, a solidariedade que xorde en canto se coñecen, aínda que só sexa de verse na clase".

Explica que o intercambio cos seus alumnos é "moi enriquecedor. Sobre todo cando che contan cousas da súa cultura, dos seus países, da súa vida".

Para esta voluntaria, ofrecer estas clases de lingua española é un estímulo para manterse activa. "Teño un compromiso con eles, así que hai que saír da casa aínda que choiva. Obrígame a preparar as clases, a moverme, a estar con xente".

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
Miguel González ► Protección Civil de Cervantes

Non apaga o móbil. Se non ten cobertura non está tranquilo. Non lle gusta alonxarse moito de Cervantes porque cando o fai leva a alma nun puño. Miguel González é presidente e fundador da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cervantes.

"Vivimos na montaña, unha zona desfavorecida en canto a accesos e con moita xente maior. Démonos conta de que había necesidade de axuda en moitas ocasións e entre tres amigos puxemos a andar a agrupación. Agora somos 25 e cubrimos as 24 horas do día. Sempre hai alguén dispoñible", explica este voluntario de Doiras.

Protección Civil está en contacto co 112 e os seus voluntarios participan nos operativos de emerxencias nos que poden ser útiles. "Avísannos cando hai un accidente, cando alguén se perde na neve, para axudar en eventos, cando hai que retirar unha árbore que corta unha estrada… para multitude de tarefas".

Ademais, Miguel González está atento ás necesidades que poden xurdir no día a día entre os seus veciños. "Imos ás casas cando hai neve e non pode chegar o panadeiro, ou se hai que levar medicinas ou comida. É habitual que a furgoneta que trae as bombonas de osíxeno para os enfermos que as necesitan non poida chegar ás casas, así que tamén as levamos nós cando é necesario".

Miguel González dirixe a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cervantes

Non escatima minutos, nin horas, nin días. "Os voluntarios de Cervantes imos tamén a outros concellos próximos se outros compañeiros de Protección Civil necesitan axuda. Cando hai unha emerxencia todo é pouco".

Esta disposición non podería pagarse con diñeiro. "Non todo se move a base de euros. Se pagas por facelo é traballo e non se fai de corazón. Cando ás dúas da mañá te tiras da cama para ir buscar un desaparecido e hai medio metro de neve a diferencia está entre facelo con gusto ou por obriga. O voluntario faino con cariño, porque lle sae de dentro".

A única pega que pon é a falta de medios axeitados para traballar na montaña. "O Concello de Cervantes axuda moito e temos unha subvención da Xunta para material, pero non é suficiente. O que necesitamos é que se teñan en conta as características da zona para a dotación de material", comenta. E pon un exemplo: "Desde a pandemia aumentou moito o número de montañeiros e tamén o de accidentes que sofren e o de operativos de búsqueda cando se perden. Para iso boto en falta material axeitado para traballar na montaña. Os puntos de anclaxe para entrar nos picos son fatais, as pistas son malas e se non temos medios non podemos actuar".

Este voluntario de Doiras asegura que nunca apaga o móbil e non está tranquilo sen cobertura

A agrupación de Protección Civil de Cervantes ten un único vehículo. "Somos 25. É evidente que non imos deixar de axudar por falta de coches. Levamos os nosos".

Esta vontade é o que impide que Miguel González baixe a garda. "Isto crea un sentimento de responsabilidade que antes non tiña. Sei que sempre hai algún compañeiro atento, pero cústame apagar o móbil, non estou a gusto sen cobertura e tampouco cando me alonxo de Cervantes. Sei que ás veces todo depende de chegar axiña, que se poden salvar vidas por chegar rápido".

A pesar da implicación que require, asegura que está "encantado" con esta labor. "Supón dedicar todo o meu tempo, pero gústame e fágoo contento", afirma. 

Luis Sandamil

Luis Sandamil ► Limpeza de ríos

Luis Sandamil Cabana participa como voluntario na limpeza dos ríos da Terra Chá. É afeccionado á pesca e presidente da Sociedade Deportiva e Cultural Amigos do Miño, de Castro de Rei. Este colectivo xestiona dous cotos de pesca: Terra Chá e Castro de Rei. Como pescador, sabe que para desfrutar dos ríos é necesario que estean en boas condicións, polo que participa activamente na súa limpeza. 

Desde o colectivo Amigos do Miño organizan dúas ou tres veces ao ano xornadas de voluntariado para retirar residuos dos cauces do Miño e doutros próximos, como os ríos Azúmara ou Pequeno. Nestas ocasións, fan un chamamento a socios e alleos para colaborar nas tarefas. "A verdade é que estou algo decepcionado porque somos 220 socios e imos dez ou doce", lamenta. Aínda así, Luis Sandamil asegura que realiza voluntariado ambiental con gusto. "Estou sorprendido da cantidade de lixo que aparece, sobre todo plásticos, latas e rodas. Todo vai parar ao río e son materiais que non se desintegran. Poden levar anos e aí seguen", afirma.

Luis Sandamil participa nos labores de limpeza dos ríos da Terra Chá

Como pescador, considera que ten un compromiso co medio ambiente, pois manter os cauces en bo estado é fundamental para poder desfrutar dos cotos cando a campaña de pesca o permite.

Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark

Membros de Astelu ► Down e Cogami Ulloa

Un grupo de prexubilados e afectados polos Eres de Telefónica decidiron crear unha asociación en Lugo para defender os seus dereitos laborais. Unha vez superado o momento do cesamento de actividade, o colectivo estaba asentado e decidiu manterse para "atender las necesidades de los asociados y fomentar la vida activa de las personas mayores de la asociación". Así explican Dulce María Salvadores, Carmen Andión e Benigno Rodríguez os inicios da Asociación Sénior de Telefónica de Lugo (Astelu).

"Cuando vimos que las necesidades de nuestros asociados estaban cubiertas, decidimos realizar acciones de voluntariado para mejorar la calidad de vida de otros colectivos", explica Dulce María Salvadores. Isto levounos a colaborar como voluntarios habituais con Down Lugo e con Cogami Ulloa, e ocasionalmente co comedor de San Froilán, Apsnais, AECC ou a parroquia de A Nova.

Nestas actividades participan arredor de dez voluntarios, que organizan cada proxecto coidando ata o último detalle. Agora están preparando un obradoiro con Cogami Ulloa para construír uns estantes que lles sirvan para colocar os traballos que os rapaces realizan. "Nós preparamos o material, organizamos o obradoiro, pero eles teñen que axudar a facer os estantes. O importante é que os imos facer xuntos", explica Benigno Rodríguez.

Os membros de Astelu organizan actividades para Down Lugo e Cogami Ulloa

Cos membros de Cogami Ulloa tamén teñen pendente unha sesión de marcha nórdica por Monterroso. "Así practicamos todos, damos un paseo e pasamos a tarde. O que máis agradecen é que os acompañemos, que os escoitemos, e iso fainos ben a todos", explican.

Estes voluntarios aseguran que reciben tanto como dan. "Para preparar los talleres nosotros también tenemos que estar al día, mantenernos activos", explica Dulce Salvadores. 

Durante o confinamento, esta actualización foi especialmente necesaria. "Mantuvimos los talleres de Down Lugo de forma telemática y la experiencia fue muy positiva", afirma Carmen Andión. A situación mellorou e agora poden volver a traballar cara a cara. O seu último contacto foi para facer adornos de Nadal e xa están pensando nas novas propostas para o vindeiro ano.

"Hemos hecho muchas cosas. Trajimos a Lugo a los chicos de Cogami Ulloa para un taller de grabado, hubo cursos de fotografía, y con Down Lugo fuimos a montar a caballo", apunta Carmen Andión.

Estes voluntarios regalan o seu tempo e atención desinteresadamente, pero aseguran que calquera esforzo se ve recompensado co cariño que reciben e a satisfacción de sentirse útiles.

Comentarios