Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Con nocturnidade, como en maio de 1997

Colocación dun sismógrafo en Becerreá, en 1999. AEP
Colocación dun sismógrafo en Becerreá, en 1999. AEP

Cada vez que se percibe un terremoto é inevitable revivir aquela madrugada o ‘big one' lucense, da que se acaban de cumprir 21 anos  Obrigou a cambiar o mapa de riscos e a pór en marcha un plan autonómico para afrontar hipotéticas situacións de urxencia
 

Na conciencia colectiva de varias xeracións de lucenses está aquel terremoto do 22 de maio de 1997, do que se acaban de cumprir 21 anos. "Tremeu Galicia... e eu estiven alí", rezaban as camisetas que chegaron a facerse algúns coa portada de El Progreso, publicada logo dunha madrugada de nervios, preocupación e rúas abarrotadas de xente medorenta de porse a cuberto. Un sismo de 5,1 graos levantaba da cama ou do sofá a miles de lucenses, pouco antes das dúas da madrugada, unha hora, como a deste martes (02.28), especialmente dramática, porque a noite e o silencio amplifican ese ruxido xordo baixo os pés.

Desde entón, nun fenómeno apenas atenuado tras dúas décadas, no triángulo sísmico existe unha lexión de sismógrafos humanos, persoas que senten ata os pequenos sismos que non chegan aos dous graos, os que no Instituto Xeográfico Nacional (IGN) descartan que poidan ser percibidos polos humanos. E non é para menos. Nos meses que seguiron a maio de 1997 houbo persoas que tardaron en recuperar a súa vida normal, como unha muller que residía nun sexto piso ao que non volveu nunca ou uns veciños de Becerreá que pasaron semanas durmindo nunha caravana.

Cada vez que treme a terra, vén á memoria o noso particular big one, un evento que efectivamente obrigou a cambiar os protocolos do IGN. Produciuse nunha zona estable e só había un antecedente, o 12 de maio de 1979, dun sismo que se foi ata os 4,6 graos. Por iso, cando acabaron as réplicas, o IGN colocou 18 sismógrafos portátiles para analizar máis de cerca a actividade. Con estes datos, elaboráronse varios estudos, que obrigaron a realizar modificacións importantes no mapa de riscos e nas normas construtivas. No mapa de perigo sísmico aparecía por primeira vez en 2002 unha ampla área da provincia de Lugo, cando ata entón os únicos lugares de risco estaban no sur do país, escenario dos terremotos máis mortíferos da historia de España.

Paralelamente, a Xunta puxo en marcha o Plan Sismigal, unha ferramenta de referencia para afrontar unha hipotética situación de urxencia grave, con previsións de actuación e protocolos de seguridade.

¿MEDO INXUSTIFICADO? Os expertos insisten en que non hai risco para a poboación e baséanse na dureza dos materiais dos primeiros 30 metros do subsolo galaico, en teoría incompatibles cun terremoto catastrófico. Por exemplo, o sismo de Lorca (Murcia) do ano 2011, coa mesma intensidade, de pouco máis de 5 graos, deixou danados un 30 por cento dos edificios e derrubou vivendas enteiras. O chan en Lorca é arenoso e os movementos que se trasladan desde as fállas á superficie son imprevisibles.

En cambio, a dureza do terreo en Galicia produce unha extensión do efecto, que se desencadea ao longo de moitos quilómetros (efecto "triggering", en inglés). Iso explica que se perciba o tremor nunha área tan ampla e que incluso poida provocar movemento alarmante en zonas moi afastadas do epicentro.

Aínda que ocorra en Taboada, como o martes, a orixe está en fállaa de Becerreá, que se estende ao longo duns 40 quilómetros, a unha profundidade de 9.000 metros. Por mor dun "empuxe tectónico" —como en todos os terremotos—, as partes desta falla principal móvense e fan que se "acomoden" outras fallas máis curtas ao seu redor, como as de Sarria, Baralla, Loureiro, Triacastela, Agradelo ou Gundariz. Deste xeito, prodúcese movemento nunha zona moi ampla e non só na epicentral.

Con nocturnidade, como en maio de 1997
Comentarios