Negocios de Riotorto, Meira e Castro de Rei sofren roubos na mesma madrugada

A Garda Civil investiga os delitos, cun modus operandi similar e nos que os autores buscaban diñeiro
Guardia Civil. AEP
photo_camera Garda Civil. AEP

Polo menos unha decena de negocios ou locais de Riotorto, Meira e Castro de Rei sufriron roubos ou tentativas na madrugada do martes ao mércores. Os afectados alertaron á Garda Civil do ocorrido, que abriu unha investigación para intentar localizar aos autores destes delitos, que poderían ser incluso cometidos polas mesmas persoas, xa que a metodoloxía é similar en todos os casos.

Meira é a localidade na que se rexistraron unha maior número de incidentes durante a noite, cunha media decena de locais afectados, cuxos responsables se deron conta do ocorrido pola mañá, cando se dispuñan a abrir ao público, tal e como relata a responsable dunha tenda de alimentación.

"Pasei ás nove por diante da tenda e non vin nada raro, pero cando volvín para abrir ás dez, xa vin que non había bombín", explica, precisando que non botou en falta ningún produto na tenda e que os ladróns se centraron na zona do mostrador, onde "revolveron algo", e levaron o que había na caixa rexistradora.

"Calculo que serían uns 500 euros", precisa a titular do negocio. "Só levaron diñeiro", di, concretando que incluso se deixaron as moedas de menos valor: "Había dúas caixas de bombóns á vista, con moedas dun e de dous céntimos, e non as levaron": 

Os amigos do alleo tamén accederon, forzando as fechaduras, a polo menos dúas oficinas, onde "revolveron todo", din os titulares, pero non chegaron a levar nada de valor. "Botei en falta dous paquetes de tabaco e nada máis", di un dos afectados, que precisa que tamén forzaron a entrada dun local anexo, no que tampouco se puideron facer con ningún botín, pois estaba baleiro.

Outro almacén dun negocio meirego tamén se atopou a fechadura forzada, sen que faltase nada do gardado, e o responsable dunha empresa de fontanería alertou á Garda Civil ao atoparse a fechadura forzada, pero os ladróns nin sequera lograron acceder ao interior do local. "Romperon o bombín, pero non entraron, non sei se non deron ou se algo os fixo marchar", explica o dono, que avisou igualmente para que quedase constancia desta tentativa.

Os ladróns, que poderían ser os mesmos en todos os casos, forzaron o bombín da fechadura para acceder aos locais

En Riotorto, foron dúas oficinas das Rodrigas -localizadas no baixo e a entreplanta dun mesmo edificio- as afectadas e o relato dos seus responsables é similar aos de Meira. Déronse conta do ocorrido pola mañá, ao disporse a abrir e atopar as fechaduras forzadas. Os ladróns abriron caixóns e armarios, deixando tras de se unha gran desorde, pero sen levar nada de valor.

Tamén en Castro de Rei denunciouse un roubo ocorrido durante esta mesma madrugada nun almacén de pensos. "Forzaron a porta de entrada e accederon á oficina e tamén ao almacén e a tenda, e levaron a caixa rexistradora", explica o propietario, que calcula que o botín co que se fixeron os cacos roldou os 700 euros, entre billetes pequenos e moedas. Tamén se atopou as instalacións un tanto desordenadas, pero sen botar en falta ningún material.

Comentarios