Nace unha asociación galega de tecores con seis de Lugo

Esixirán responsabilidade á Xunta de Galicia polos danos do xabaril
Fernando Rois. EP
photo_camera Fernando Rois. EP

Seis sociedades de caza de Lugo sumáronse á creación da primeira asociación de tecores a nivel galego, Ategal, fundada por 35 entidades de toda a comunidade. Trátase de tecores de Taboada, Monterroso, Palas, Ribadeo e Antas, que participaron na posta en marcha desta entidade cuxo obxectivo fundamental é o de esixir á Xunta responsabilidade para paliar as desfeitas producidas polo xabaril "e que estes non recaian exclusivamente nos tecores", segundo indicou este martes o seu presidente, Fernando Rois, tamén portavoz da federación veciñal lucense.

"Somos quen combatemos o problema, cando se nos está responsabilizando polos danos", engadiu Rois, que explicou que os tecores non poden asumir o importe total da desfeita aos cultivos, cando os seguros pola responsabilidade dos cotos de caza por danos causados por animais —que si inclúen os producidos por accidentes de tráfico— "non os contemplan".

"Moitos tecores están a pensar en abandonar o territorio porque se está facendo imposible soster esta actividade", indicou. "Pero se desaparecen os tecores desaparecerá tamén o mundo rural", indicou, e engadiu que sen a caza os danos producidos polo xabaril serían moito maiores.

A asociación estima que a Xunta de Galicia "ten que compartir esta responsabilidade, asumir a súa parte", aseverou Rois, que indicou que xa solicitaron unha reunión coa Consellería do Medio Ambiente para expoñer as súas inquietudes "e ter voz nas reunións que orienten as medidas lexislativas". Doutra banda, tamén pedirán a prohibición da caza en man e en salto.

Este novo colectivo espera pechar o ano con 100 tecores asociados. Rois indica que o motivo de que haxa só seis de Lugo é que na provincia non se iniciaron os trámites para a inscrición, pero que o feito de que a presidencia recaia nun lugués é significativo do peso que terá a provincia na entidade.

Comentarios