A morte solitaria de Eduardo

A preocupación de veciños e familiares non impediu que un castroverdés, cuxo caso chegou ao Valedor do Pobo, falecese só na súa vivenda "ruinosa" do centro urbano da vila

Pertenencias del fallecido en la puerta de su casa. ANA SOMOZA
photo_camera Pertenzas do falecido na porta da súa casa. ANA SOMOZA

A pesar do interese de veciños e familiares pola situación de Eduardo, que vivía só nunha casa ruinosa, con problemas de saúde, pasaron varios días antes de que o seu corpo sen vida fose achado na súa vivenda de Castroverde. De nada serviu que o seu caso chegase incluso ata o Valedor do Pobo. Aos seus 54 anos, foi atopado morto no inmoble despois de que veciños da zona alertasen á Garda Civil da súa prolongada ausencia. Efectivos deste servizo, acompañados de dous membros do GES de Becerreá, entraron na casa e certificaron o seu falecemento.

O caso deste castroverdés saltou á luz hai uns meses por mor da denuncia dun particular ante a Valedora do Pobo e outras administracións –Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Castroverde–. A queixa, da que se fixo eco a Valedora pedindo explicacións ao goberno local, facía referencia ás "condicións insaludables" da casa do falecido, que vivía só desde a morte do seu pai o ano pasado e que, ademais, sufría diabetes.

Desde o Concello aseguraron –en base a un informe técnico– que a edificación non se atopaba en estado de ruína e que cumpría as condicións de seguridade necesarias. Ademais, alegaron que Eduardo non estaba incapacitado legalmente e que contaba con medios económicos suficientes para xestionar a súa situación.

Un particular presentou unha queixa hai catro meses alertando das "condicións insalubres" nas que vivía Eduardo

Pola súa banda, a familia máis próxima do falecido lamenta o ocorrido e achaca parte do problema á "tozudez" de Eduardo, "que non se deixaba axudar". Desde o momento no que quedou só, trataron de sacalo "desa casa, que xa se vía que non estaba ben". "Non tinga baño, non utilizaba a cociña. A pendella que está pegada á casa está caendo", sinalan os seus familiares para remarcar esa sorte de abandono persoal. Aseguran que lle ofreceron mudarse con eles en repetidas ocasións, ou incluso levalo a unha residencia. "Ás veces dicíanos que si, pero logo non había maneira", comentan.

Segundo lles contou no seu día Eduardo, a área de servizos sociais do Concello de Castroverde iniciara os trámites para solicitar a súa dependencia e, así, que unha persoa o asistise no seu domicilio.

VECIÑOS. Quenes avisaron á Garda Civil de que non tiveran noticias de Eduardo durante varios días foron os veciños do barrio, asustados pola posibilidade de que sufrise unha subida de azucre sen compañía de ninguén que o atendese.

De feito, o seu estado xa suscitara a alarma noutros momentos. "Xa tivemos que chamar á Garda Civil doutra vez, porque faltaba da casa. Pero daquela non fixera falta entrar; xa aparecera antes", conta un deles.

"Ás veces dábanlle mareos e caía", din. "Quitáranlle o carné de conducir hai pouco tempo por esas cousas", engaden, resaltando o empeoramento de saúde durante o último ano.

A queixa que destapou o tema hai meses partiu dun policía nacional nacido en Castroverde e residente noutra comunidade. "Avisar as administracións de que un veciño está mal e que non se faga nada para evitalo é incrible", opina o denunciante. Non entende "como dan unha vivenda por válida cando á vista está que non o é" e suxire que "tiñan que ter feito algo: declarala en ruínas e sacalo de alí; levalo a xunto de alguén que o coidase". "Non sei que opcións hai para axudar nestes casos, pero algo debería haber", conclúe taxativo.

Comentarios