Pol, A Fonsagrada e Becerreá incorporan 18 casas e fincas ao portal Volver al Pueblo

Son as primeras casas, fincas ou negocios en entrar, por iniciativa do GDR-3, na páxina estatal que facilita o regreso ao rural

 

 

Una de las viviendas ofertadas se encuentra en el concello de Pol. GOOGLE MAPS
photo_camera Unha das vivendas ofertadas atópase no concello de Pol. GOOGLE MAPS

O GDR Montes e Vales Orientais xa reuniu un total de 18 casas, fincas e negocios de tres municipios asociados á entidade -Becerreá, A Fonsagrada e Pol- dende que, no mes de setembro, puxo en funcionamento un banco de recursos para persoas interesadas na súa compra ou aluguer, e pronto serán máis. Eses bens xa están anunciados na plataforma Volver al Pueblo, un portal a nivel estatal xestionado pola Confederación de Centros de Desarrollo Rural (Coceder), e ao mesmo tempo forman parte dunha rede a disposición dos concellos para poder facilitar directamente a información ás persoas interesadas en volver á aldea.

"Poñer en marcha este proxecto non supuxo un gasto a maiores, senón máis ben a organización dos recursos existentes", explica Fe Álvarez, xerente do GDR. Deste xeito, o proxecto ten en cada concello un técnico responsable de compilar información sobre os bens dispoñibles e compartila co resto dos municipios e, por outro lado, co cidadán. "Deste modo, alguén que chame ao Concello de Pedrafita buscando vivenda ou terras -poñamos por exemplo-, poderá ter acceso á información semellante en concellos limítrofes", explica Fe.

PRIORIDADE NA ZONA. Para o GDR, tecer estas pontes entre as persoas interesadas en desenvolver un proxecto no rural e os recursos dispoñibles é unha prioridade para as administracións. Sen embargo, esta ponte dista moito da establecida por unha inmobiliaria.

A páxina web Volver al pueblo exerce como filtro para valorar o interese das persoas "máis alá da postal bucólica", matiza Fe, polo que estas teñen que pasar un cuestionario. Tamén o propio GDR establece uns criterios que outorgan prioridade ás familias con nenos, por exemplo. "Neste sentido, non se dá prioridade á oferta económica á hora de filtrar a xente", explica.

O proxecto non é só atractivo para as persoas interesadas en volver á aldea, senón que tamén supón un importante aliciente para as propietarias. "Unha finca require un mantemento que, de non cumprirse, supón un risco. Nestes casos, se os propietarios se decidisen a alugar non terían que ocuparse dese asunto e até recibirían unha compensación económica", indica Álvarez.

"Ademais, en Galicia dispoñemos da figura do banco de terras, que dá unha garantía xurídica ao alugueiro, tanto para o arrendador coma para o arrendatario, que podería programar con seguridade os cultivos ou outros usos do territorio", añade.

"O proxecto non é só beneficioso para quen quere vivir na aldea, senón para os propietarios que buscan manter os seus bens"

VIVENDAS. A cuestión das vivendas é tamén unha prioridade, pois son moitas tamén as propiedades que se deterioran no rural por non estaren habitadas. "É un problema grave para os concellos sobre o que aínda queda moito por facer, tamén a nivel legal", di Álvarez. Deste xeito, a posibilidade do alugueiro ofrece tamén vantaxes para os propietarios no que ao mantemento das casas se refire.

"Moitas accións pequenas fan un mundo mellor", indica Álvarez para situar un proxecto que nace nun momento no que constata un maior interese en volver ao rural. Hai máis de dez anos, cando traballaba no Leader interautonómico, era máis difícil atopar unha persoa nova nos proxectos Leader, e tamén había máis homes ca mulleres. "Hoxe en día hai unha chea de xente moza e moitas mulleres liderando proxectos", afirma.

Comentarios