Monterroso queda sen clube de fútbol sala feminino

A suspensión de subvencións cobra a súa primeira vítima
 
2020070318444424521
photo_camera Equipo do Monterroso que foi campión de España infantil en 2002. EP

O equipo de fútbol sala feminino de Monterroso anunciou a súa disolución por razóns de inviabilidad económica e pola falta dunhas instalacións adecuadas para competir en Primeira Autonómica. O proxecto deportivo estaba a expensas do cobro dunha subvención de 3.000 euros por parte do Concello, "que era fundamental para o mantemento do clube", segundo explica a directiva Marta Gontá, que tamén é xogadora. A desaparición desta entidade é unha das consecuencias derivadas da suspensión temporal das axudas a asociacións e clubs deportivos ao non aprobarse os orzamentos municipais, nin fixarse partidas específicas para outorgalas.

O atraso da apertura do pavillón pesou na decisión

A entidade conta con escasos recursos, o que obrigaba ás súas once xogadoras a achegar 120 euros ao ano e pagar a roupa e os desprazamentos para poder competir. Ademais, o seu adestrador renunciou a cobrar os últimos meses.

A falta dunhas instalacións adecuadas non só en Monterroso, senón noutros municipios ulloanos, foi outra das razóns para deixar este proxecto. A Cúpula non reúne as condicións esixidas pola federación e o novo pavillón segue sen usarse varios anos depois da súa construción pola falta de acordo entre o Concello e a Deputación para recibir as obras.

Desprazamento. O equipo xogou varios partidos en Agolada
A precariedade da Cúpula fixo que o clube pagase varias multas. Outras veces chegou a acordos cos seus rivais para xogar no pavillón de Agolada, a pesar de estar noutra provincia e a máis de dez quilómetros, algo que prohibe o regulamento. Este é o fin dunha entidade cuxo equipo infantil se proclamou campión de España en 2002 e quedou cuarto en 2003. 

Falcatrueiros. A asociación Falcatrueiros mantén a súa actividade e os pagos ao día, a pesar de que tamén está á espera da axuda municipal.

Comentarios