Tolos pola apicultura, unha moda moi saudable

O club de fans das abellas medra. A vertente ecolóxica da apicultura compensa o declive económico e non falta quen vele por ese bucólico e vital paseo de flor en flor.
Colmeas Quiroga
photo_camera David Rodríguez amosa o interior dunha colmea a dous afeccionados. EP

Se as abellas desapareceran do planeta aos humanos quedaríannos catro anos de vida. Esta frase non a dixo Albert Einstein como se lle ten atribuído, pero aínda así non lle falta razón. A FAO ten clasificados 100 cultivos que proporcionan o 90% dos alimentos de todo o mundo e 71 deles son polinizados por abellas. Ese bucólico paseo de flor en flor é un auténtico favor á humanidade.

A concienciación sobre este tema parece que vai en aumento e son cada vez máis as persoas que intentan achegarse dun xeito ou outro ao mundo das abellas. Desde quen apadriña unha colmea para contribuír co seu gran de area á salvación do planeta ata quen se preocupa por aprender a apicultura suficiente para poder coidar un enxame de abellas que, de seguro, lle ocupará unha parte importante do seu tempo libre.

O caso é que a apicultura é unha afección á alza. Conciencia ecolóxica, respecto pola natureza, ocio alternativo... os amantes das abellas poden moverse por moitos motivos, pero non será por interese económico porque os apicultores profesionais levan anos chamando a atención sobre as dificultades que atravesa o sector, cunha merma importante de produción de mel e un aumento dos custos.

Primeiro foron os pesticidas, despois o cambio climático, con temperaturas máis altas do normal e unha seca persistente que reduce a floración. A velutina leva xa anos cebándose coas abellas autóctonas e os incendios arrasan colmeares enteiros e o seu medio de vida. Das vicisitudes que atravesan os apicultores non se salva nin o proceso de envasado do mel porque ata os botes de vidro escasean e duplicaron o prezo con respecto ao ano pasado.

Porén, sempre hai quen sabe atopar vantaxes que compensen os inconvenientes.

Carlos Carballido, apicultor de Xermade. EP
Carlos Carballido, apicultor de Xermade. EP

AFECCIÓN ACCESIBLE. Carlos Carballido acaba de descubrir un mundo que o ten intrigado. "Desde que tiven algún coñecemento sobre as abellas só teño ganas de aprender máis. Non deixo de descubrir cousas", apunta.

É de Xermade e vén de estrearse como apicultor con tres colmeas. Está moi ilusionado con elas e xa pensa en aumentar ata dez. "Tiña unha referencia porque o meu pai tivera abellas, pero eu nunca me interesara polo tema. Asistín a unhas xornadas para fomentar o asentamento de poboación no rural onde nos falaron da apicultura. Chamoume a atención e fixen un curso na Casa do Mel de Goente. Iso foi o que me abriu os ollos porque eles son profesionais, dominan a materia e xa están de volta de todas as dúbidas que eu poida ter", explica.

Sacas moito sen necesidade de grandes esforzos

Desde entón, comparte unha finca que ten ao lado da casa con tres lotes de compañeiras que xa lle están dando alegrías, aínda que non sexa mel de momento. "Comprei as colmeas cando xa non había floración. Este ano non sacarei mel", di, pero desfruta dos coidados coma se fora ter a produción máis grande do mercado.

Insiste en que é un principiante e que lle queda moito por aprender, pero considera que a apicultura é un campo accesible para calquera. "As abellas non necesitan grandes coidados. É complicado medicar cando hai pragas, hai que estar atento por se necesitan reforzos de alimentación e moi alerta coa velutina", apunta.

Carlos Carballido sostén que as colmeas son "un bo complemento para unha casa de aldea. Dan mel, polen, xelea, propóleo, cera... sacas moitas cousas sen necesidade de grandes esforzos". Coñecer o mundo das abellas axudoulle a aprezar todo o que ofrecen. "Ata consumo moito máis mel que antes", comenta.

David Rodríguez, con algunhas das súas colmeas. EP
David Rodríguez, con algunhas das súas colmeas. EP

APADRIÑAR ABELLAS. Pero nin terras hai que ter para desfrutar das abellas. David Rodríguez ofrece, a través da empresa Das Nosas Abellas, a oportunidade de apadriñar unha colmea e desfrutar da súa produción sen ter que preocuparse polo seu coidado. A idea ten boa acollida e as abellas deste apicultor de Quiroga sempre atopan quen as bautice.

David Rodríguez explica que apadriñar unha colmea custa 60 euros ao ano e en outubro os padriños reciben unha cantidade de mel equivalente a ese valor.

Cada un ponlle nome á súa colmea e pode visitala. "En maio ou xuño facemos unha actividade para que coñezan como funciona a colmea, como se fai o mel. Abrímoslla, poden vela por dentro, sentir que forman parte dela. Aos nenos gústalles especialmente", explica o apicultor.

David Rodríguez ten máis de 400 colmeas. A maioría están en Quiroga, pero tamén ten outras en Cerdido e nas Fragas do Eume. Os padriños poden escoller a ubicación que prefiran.

Por 60 euros apadriñas unha colmea e tes mel por ese valor

O sistema de apadriñamento permite desfrutar das abellas e do seu mel sen compromiso de coidado nin preocupacións porque sempre vai estar David Rodríguez para velar polo seu benestar. "Hai que estar atento ao día a día. Por exemplo, as colmeas que tiña en Cerdido leveinas para Quiroga para fuxir da velutina. En decembro, cando pase o perigo, devolvereinas ao seu sitio".

Este profesional ten constatado que o interese pola apicultura aumentou nos últimos anos. "A xente tomou conciencia da importancia deste animal para o planeta. Sen as abellas non teriamos froitas nin verduras", explica David Rodríguez. E engade como curiosidade que "as árbores froiteiras aumentan a produción un 30 ou 40% cando teñen abellas cerca. Son as polinizadoras perfectas".

Juan Antonio Infante
Juan Antonio Infante, na súa finca de Baleira. EP

EMPRENDER EN BALEIRA. Iso tamén o pensou Juan Antonio Infante cando se embarcou nun proxecto para transformar unha finca de Baleira nun negocio de agroturismo. Plantou 400 maceiras, 500 vides e ten previsto poñer 200 oliveiras. Non ía deixar a produción de todas estas árbores só nas mans de deus e pensou que as abellas podían colaborar. "Me regalaron cuatro núcleos en junio y yo compré dos más. Estoy aprendiendo a tratarlas y estos días tengo previsto recoger mi primera cosecha de miel. No será mucha, pero me hace ilusión probarla. He ido a un curso de apicultura y el resto lo voy aprendiendo por mi cuenta. Me gusta ser autodidacta, investigar", comenta.

Juan Antonio Infante é enxeñeiro agrónomo, orixinario de Sevilla e nas últimas décadas residente en Huelva. "Por circunstancias de la vida siempre me he dedicado a la construcción, la asignatura de la ingeniería agrónoma que menos me gustaba. Estaba quemado y hace un par de años sufrí de taquicardia por estrés. Decidí que era hora de cambiar de vida. Pensé: es ahora o nunca, porque cuando me jubile no voy a tener ánimo para esto", relata.

E dito e feito. Buscou unha terra onde facer realidade o seu soño e atopouna en Baleira. "Tengo una finca con una casa solariega y quiero dedicarlas al agroturismo. Mi intención es ofrecer algo más que alojamiento, actividades relacionadas con la tierra. Que la gente pueda ver cómo se cultiva la manzana, cómo se hace la sidra o el vino, cómo se extrae el aceite", explica.

Las abejas me ayudan a cuidar 500 vides y 400 manzanos

As abellas encaixan á perfección neste plan porque aseguran unha polinización perfecta e favorecen a produción de froita. Pero non serán os únicos animais que contribúan no proxecto de Juan Antonio Infante. "También habrá ovejas, que son las encargadas de tener la finca limpia, algunas gallinas y un cerdo, para que los niños vean animales variados".

Este enxeñeiro agrónomo di que foi ben recibido en Baleira. "Cuatro de los núcleos de abejas me los regaló un vecino que produce miel", apunta. Pero tamén hai quen dubida do éxito que terán os seus cultivos. "Me dicen que esta no es zona de vino, que no se va a dar, pero he traído una variedad que se cultiva en Francia a más de mil metros de altitud y aquí estamos a 700, así que yo creo que puede resultar. Tampoco había fresas en Huelva y mira ahora", comenta. 

Apetécelle experimentar e sente que é o momento de facelo. "Es un proyecto personal, estoy viviendo mi sueño", afirma ilusionado mentres se afana por enraizar a súa vida nun prado de Baleira.

Celso Cancio
Celso Cancio e a súa filla traballan nas colmeas. EP

VÍNCULO COA ORIXE. Non moi lonxe, en Grandas de Salime, viven as abellas de Celso Cancio en 18 colmeas que lle serven de distracción e lle dan "mel de confianza, o máis natural posible".
Ese foi o seu principal interese cando colleu o relevo na cría das abellas. "O meu pai tiña algunhas colmeas antigas, en troncos de castiñeiro ocos. As miñas xa non son así, cambiei ao sistema moderno", comenta.

Celso Cancio traballa de profesor e vive en Lugo, pero iso non lle impide coidar dos seus animais. "Nalgunhas épocas hai que ir máis, pero habitualmente cunha vez por semana chega. Se quixese optimizar a produción tería que estar máis pendente, pero non se trata diso. Eu só quero mel para a casa e para repartir cos amigos".

E para iso ten abondo. As súas abellas están nunha zona de monte e gandaría extensiva. Aliméntanse de uz, castiñeiro e carballo. "No inverno ás veces hai que darlles algo de comer, cando non atopan nada no monte, pero na época na que producen mel para o consumo négome a alimentalas. Quero o mel máis natural posible", explica.

As abellas axudáronme a inculcarlle á miña filla o amor pola terra de orixe

Este apicultor destaca a importancia deste tipo de insectos para a agricultura. "Teño un invernadoiro en Lugo e tiña moi pouca produción ata que me deu por comprar abellóns polinizadores. Aumentou moitísimo todo, especialmente o tomate. Os abellóns hai que repoñelos cada tres ou catro meses. Estou mirando de poñer unha colmea pequena de abellas para telas alí sempre. Cando se afán á xente non pican como se están no monte".

Celso Cancio comparte a afección pola apicultura coa súa filla. "Un dos motivos que me levaron a poñer as colmeas foi inculcarlle á miña filla o amor pola miña terra de orixe", relata. E parece que o logrou porque a rapaza se implicou. "Vai comigo sacar o mel, axúdame cando hai que aplicar tratamentos nas colmeas... Agora na adolescencia custa máis arrastrala, pero con tres ou catro anos ía encantada", lembra.

Casa do Mel de Goente
Pequenos apicultores da Casa do Mel. EP

CASA DO MEL. Que os nenos se levan ben coas abellas tamén o teñen comprobado na Casa do Mel de Goente, onde teñen un grupo de pequenos apicultores que se encargan de coidar dúas colmeas. "Desfrutan moitísimo, pero ademais aprenden o que non está escrito", afirma Isabel Goti, técnica da Casa do Mel.

Explica que "xa antes do confinamento nos rondaba na cabeza a idea de achegar os nenos á apicultura. Durante a pandemia pasou algo curioso. Seguimos facendo actividades ao aire libre e viñan os rapaces cos pais, cando antes iso non pasaba. Será porque daquela non podían deixalos con ninguén de fóra do núcleo familiar. E aí confirmamos que lles encantaba. Aguantaban as 20 horas de teoría e práctica ao ritmo dos pais".

De aí xurdiu un grupo xuvenil do que forman parte máis de 20 apicultores de entre seis e catorce anos. Teñen dúas colmeas ao seu cargo. Isabel Goti explica que os orientan nos traballos que hai que facer, pero non necesitan moita instrución. "Teñen unha asociación ficticia, cos seus cargos, e os traballos repartidos" e moita disposición para traballar.

Os nenos da Casa do Mel ocúpanse do coidado de dúas colmeas

Ademais de aprender sobre e coas abellas, os pequenos achéganse de forma lúdica a outras áreas de coñecemento. "Cociña con mel, observación de plantas para ver os diferentes pólenes... os nenos son esponxas e aquí hai moitos campos por descubrir", comenta Isabel Goti.

A maioría dos socios da Casa do Mel de Goente son da provincia de Lugo. Nos últimos tempos, este colectivo detectou un incremento do interese pola apicultura. Isabel Goti explica que non hai un único motivo, senón un cúmulo de circunstancias. "Por un lado, está a volta ao rural, as ganas de retomar o que a xente tiña dos avós. Por outro, as circunstancias económicas e a necesidade de buscar saídas laborais ou complementos para profesións relacionadas co medio rural, como os veterinarios, enxeñeiros agrícolas, de montes... Despois está o interese por unha alimentación saudable, os que procuran mel para autoconsumo con garantía de calidade".

Este cúmulo de circunstancias provoca que persoas de moi diversos perfís coincidan no interese común polas abellas e poidan cadrar en calquera actividade da Casa do Mel. "Están os que desexan vivir unha experiencia, coñecer as abellas desde a primeira fila. Despois, os que queren producir mel como afección, para autoconsumo, con dúas ou tres colmeas. Logo están os que buscan un complemento económico, pero sen dedicación profesional exclusiva. E por último, os apicultores autónomos, que teñen como mínimo 50 colmeas que son o seu medio de vida".

Cada un ao seu xeito, tal vez sen decatarse nin pretendelo, están facéndolle un favor á humanidade ao contribuír a manter viva unha especie fundamental para a saúde do medio natural.

Comentarios