Marcial Bernedo, o mestre apegado á Montaña

O exercicio do Maxisterio ten en Cervantes un nome propio, o de Marcial Bernedo Vilor, director do CPI case catro décadas. A producra dun ensino igualitaripara os nenos ruraris foi a teima de quen se fixo merecedor do apelativo de mestre da Montaña
Marcial Bernedo. EP
photo_camera Marcial Bernedo. EP

MARCIAL BERNEDO, que está recén xubilado, dedicouse en corpo e alma á docencia ata converterse nun referente pola súa entrega e pola permanente defensa dos dereitos educativos dos escolares dos Ancares. Este profesor vocacional comezou pisando as lamaguentas corredoiras da Montaña co Programa Preescolar na Casa, o proxecto impulsado por Manuel Gandoy, o crego da bicicleta lugués. Daquela encargábase da área de Pedrafita, Cervantes e parte de Becerreá. En 1983 incorporouse ao CPI de Cervantes, no que botou máis dun cuarto de século de director.

Cando chegou ao colexio cervántego aínda existía a escola fogar de San Román. Alí estaban internos 146 alumnos dese concello e de aldeas cercanas de Navia de Suarna por mor da orografía e as malas comunicacións. "O río Ser marcou sempre a división educativa nesta zona, e non os límites municipais, por razóns de accesibilidade", subliña Bernedo.

Os nenos permanecían na escola fogar de luns a venres para cursar os estudos da extinta EXB. Eran tempos heroicos polas carencias en infraestruturas viarias. "Apenas había estradas e as pistas de terra eran moi malas". Pero era tamén unha época que invitaba á esperanza porque aínda se mantiña a puxanza das matrículas. "A realidade cambiou radicalmente. Por cada dez nenos que acudían ao colexio antes, agora hai un. A zona foise despobando", lembra este histórico educador, que ve con desencanto como a comarca segue a exportar talento e man de obra.

O mundo cambiou durante a longa traxectoria profesional de Marcial Bernedo, que comenta con ironía que "sufrín sete leis de educación", aínda que recoñece que as administracións "fixeron un esforzo ao longo deste período para atender as necesidades da Montaña. Os investimentos educativos son máis elevados hoxe que hai coarenta anos".

Nos 80 abriuse o colexio de Doiras, ao que marcharon 90 alumnos da escola fogar. Fíxose outro centro en Donís, na zona máis montañosa, á que se trasladaron 40 alumnos. "Estas obras reflicten o esforzo realizado, pero co abandono do medio rural pecharonse estos dous centros e só quedou o CPI", sinala o mestre.

Marcial Bernedo déulle clase a varias xeracións de cervantegos, a pais e nais, fillos e fillas. "Foi unha satisfacción traballar con eles. Son xente moi agradecida. Os nenos chegan con ansia de aprender e para min foi un orgullo achegar o meu gran de area na súa formación", asegura.

Os escolares, reflexiona Marcial, evolucionaron en paralelo á sociedade nas últimas catro décadas, "pero nótase de aquí se lle presta unha especial atención na casa aos nenos. Os pais están concienciados da importancia do ensino. Teñen unha actitude reivindicativa á hora de demandar que se respecten os dereitos dos seus fillos".

DISCRIMINACION POSITIVA. O principal cabalo de batalla de Marcial Bernedo foi "a discriminación positiva" cara aos nenos do rural para que estivesen en igualdade cos da cidade. "Aquí é necesario gastar máis que noutros sitios porque vivimos en zonas illadas e non dispoñemos dos mesmos servizos que nos núcleos urbanos".

Marcial Bernedo sempre valorou moito as viaxes. "As saídas escolares son fundamentais para o proceso de aprendizaxe", afirma. Os estudantes de Cervantes tiveron ocasión de visitar cidades españolas e países como Inglaterra, Francia, Italia o Portugal. "Tamén fixemos intercambios co colexio de Fisterra. Os seus alumnos pasaban unha semana aquí e os nosos ían outra alí, para ver as diferenzas entre a Galicia do mar e a da Montaña", indica.

A organización das excursións fíxose máis doada co paso do tempo, ao contar o centro con máis medios, pero o seu director estaba sempre disposto a levar ou traer calquera alumno ao autobús senon podía facelo a familia e a convencer aos pais para que o inscribisen na viaxe. "Para min era importante que os nenos abrisen os ollos ao mundo", di con convicción este ensinante exemplar.

"Quería seguir dous anos máis, pero non puiden"
Trala súa recente xubilación, Marcial Bernedo bota de menos o ensino. Aínda que xa cumpriu os 65 anos, tiña pensado "seguir dous ou tres máis, pero non puido ser". Os seus problemas de saúde obligáronlle a retirarse. "Cando chegou a pandemia, o cardiólogo recomendoume que non voltase a pisar o colexio", comenta. O seu nomeamento como director chegaba ata 2023, "e gustaríame continuar polo menos ao final do curso 2022". Ao volver a vista atrás, Bernedo lembra os numerosos profesores co que compartiu claustro en Cervantes. "Fixemos bos equipo e tratamos de manter viva a amizade facendo un par de xuntanzas ao ano", sinala. 

Comentarios