Melide imponse no calendario festivo e reúne miles de persoas na Foliada

Os de Fondo da Barra gañaron nos cantos de taberna e a festa segue hoxe, con concerto de Odaiko e Vanesa Muela

Os do Fondo da Barra, ganadores do concurso de cantos de taberna, nun dos bares do percorrido. EP
photo_camera Os do Fondo da Barra, ganadores do concurso de cantos de taberna, nun dos bares do percorrido. EP

A Foliada de Melide volveu congregar miles de persoas na localidade no seu día grande. A animación viviuse nas rúas, pero tamén nos locais de hostalería, que non folgaron.

O arranque deuno o venres Bruno Villamor, cun concerto na casa da cultura para presentar o seu traballo "O gaiteiro de Santo Xusto". Esta actuación serviu para quentar motores para o día grande, o de onte, onde non quedou un recuncho de Melide onde non se escoitara unha gaita.

Os menos madrugadores espertaron ao son de Os Treboeiros da Muimenta, que percorreron as rúas acompañados de xigantes e cabezudos.

A media mañá abriron tamén os postos de artesanía e instrumentos musicais e pouco despois chegaron os 20 grupos que participaron no concurso de cantos de taberna e a música inundou todo o centro de Melide.

Os bares enchéronse de xente, desexosa de escoitar as propostas de cada formación, sempre divertidas e animando á participación.

Os gañadores do concurso foron Os do Fondo da Barra, un grupo procedente da Coruña. En segundo lugar quedou A Sona de Ninghures, formación integrada por xente da Fonsagrada e de Carballo, e no terceiro posto clasificouse A Rebolaxe de San Ciprián, de Cervo. Todos eles foron obsequiados con cestas de produtos doadas pola asociación Melide Terra Doce e Licores Bo Gusto.

Pola tarde houbo un obradoiro de baile tradicional, para que ninguén quedase coas ganas de botar un pé e, a continuación, a tradicional marcha gaiteira, na que os grupos que van participar no serán percorren as rúas de Melide camiño da Praza das Coles.

No serán tocaron Froito Novo, Herba Grileira, Pozo Pequeno, Alhóndiga, O Bingo Birón, Gaiteiros do Balado, A Maristela, Fol da Chousa, O Bringuelo, Falcatrueiros, Airiños Galegos Doce Albor, A Rexouba e Os Folieiros.

Ao peche desta edición estaba previsto que actuase, a partir da medianoite, A Banda das Crechas e The Turre"s Band.

O programa da Foliada de Melide, organizada pola asociación cultural O Castelo en colaboración co Concello, continúa hoxe. Ás doce, na capela de Santo Antón, presentarase o traballo Mulleres de Gargamala, a cargo de Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio. Á unha actuará a banda de gaitas Ximiela na praza do Convento e ás dúas, na praza das Ichoas, haberá sesión vermú con Tonecho Castelos e Pablo Esqueira.

Ás cinco, na praza do Convento, os nenos poderán desfrutar do Circo Galaico, de Títeres Alacrán. Ás seis haberá xogos na praza do Pozo Pequeno e á mesma hora, na praza do Convento, mostra de baile con Ximiela. A actuación final, ás sete, correrá a cargo de Odaiko e Vanesa Muela.

Comentarios