'A matanza de Texas' luguesa chámase 'Jacinto' e é obra de Javi Camino

O director de Compostela filmou a súa primeira longametraxe profesional de terror bizarro, que se estreará no outono, nos concellos de Taboada, Chantada, O Saviñao e Monterroso
Javi Camino. UXÍA TABOADA
photo_camera Javi Camino. UXÍA TABOADA

Dúas black metaleiras de Suecia chegan a unha aldea da provincia de Lugo para meterse de cheo no seu próximo disco. Pero, con iso, rompen a tranquilidade de Jacinto, un veciño de corenta anos que vive cos seus pais e que, ao final, resulta ser máis oscuro que elas. Co nome do protagonista titula o director compostelán Javi Camino a súa nova película, unha historia de terror bizarra e grotesca filmada nos concellos de Taboada, O Saviñao, Chantada e Monterroso.

Xusto o ano pasado, cando Javi estaba a rodar o que é a súa primeira longametraxe profesional, o Festival de Sevilla decidía proxectar ¡Maldito bastardo!, que gravou "cando era jovencito", sen orzamento, e cunha cámara mini-dv. Nos 15 anos que separan un proxecto e outro pasaron moitas cousas, claro. Javi dirixiu o documental Nación de Muchachos: utopía o muerte, sobre Benposta e o circo que o Pai Silva montou nos arredores de Ourense; dirixiu, gravado ou montado vídeos para bandas como Triángulo de Amor Bizarro e Disco Las Palmeras; escribiu en El País sobre Manfred Gnädinger, o Alemán de Camelle, ou sobre unha das primeiras gravadoras da historia inventada en Galicia polos irmáns Portela, entre outras moitas xoias curiosas.

O tráiler da película xa se pode ver nas redes sociais. Conta coa banda sonora do artista lugués Wences Lamas

Na pantalla, o proxecto con máis repercusión foi a dirección dos 26 capítulos de Casa Manola, unha serie que emitiu a TVG entre 2014 e 2017. Evaristo Calvo, Quico Cadaval, María Costas ou Víctor Mosquera foron algúns dos actores cos que traballou. Tamén Pedro Brandariz, Jacinto na súa nova peli, cuxo trailer estreouse en redes hai uns días. "Gústame polo seu físico tan peculiar, polo seu papel nas series Peter Brandon e Mataría. Tiña claro que sería o protagonista. Cando escribía o guión xa o facía pensando nel", indica. "é unha especie de neno grande, que viviu un trauma a partir do cal deixou de falar, e que se pasa o día vendo películas, xogando ao agocho e fantaseando con vampiros. O seu mellor amigo é un porquiño", conta.


Gravación no lavadoiro de Pedraza en Monterroso

Javi buscouse a dous metaleiras de verdade para interpretar o papel, Anxela Baltar, guitarrista e vocalista de Bala —o internacional grupo galego que xusto acaba de estrear o disco Maleza— e Corinna Rautenberg, do grupo Faul. O desfasamento entre ese neno grande que aínda ve pelis en VHS e as novas veciñas é moi grande. Jacinto pensa que son o demo, e léaa parda. "A película ten certa influencia do cine slasher, dun grupo de novos asasinado por un psicópata nunha contorna rural. Pero, a diferenza de A matanza de Texas, onde coñecemos máis ás vítimas, aquí coñecemos máis ao asasino. Quería dar esa volta", indica.

COLABORACIÓN LUGUESA. A banda sonora da película, xa moi presente no trailer, é do grupo REO, liderado polo artista lucense fincado na serra de Madrid, Wences Lamas, e Svali. Como naquela primeira cinta de serie B, a nai de Javi Camino, Pilar Miguélez, tamén actúa, como nai de Jacinto. O pai é Miro Magariños, e o irmán, Juanma Buitrón. Todos son a familia Becerra, cuxa casa é a casa familiar en Taboada da noiva de Javi Camino, Uxía Taboada. "Os veciños de Taboada, e doutros concellos de Lugo, colaboraron moito. Especialmente os do bar A Escala, que nos axudaron unha chea", comenta.

A peli, producida por Vizuals Lab e cunha subvención de Agadic, estrearase en outubro en festivais. Seguirá Javi a senda deses directores que pensan que Galicia é un lugar propicio para o cine de terror coa furia asasina de Jacinto. "Aquí existe unha gran tradición cultural relacionada coa literatura fantástica e o terror", afirma.

Comentarios