Martínez pide a Campos que deixe de asustar "con demandas" a Suplusa

Candia invita o presidente da Deputación "a sumarse ao traballo" que está a facer a sociedade e pide que non "xudicialice" a xestión 
 

Manuel Martínez. V.B.
photo_camera Manuel Martínez.EP

O presidente da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa), Manuel Martínez, fixo unha valoración sobre o auto ditado este martes pola Audiencia Provincial de Lugo que non admite a trámite a demanda de varios deputados do PSOE que instaban á disolución de Suplusa e instou ao presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, a que deixe de asustar "con demandas". 

O tamén deputado non adscrito (ex socialista) pide que, polo menos, "soliciten que se elimine polas canles normais, é dicir, mediante o órgano que creou a Sociedade, que foi o pleno provincial". É por iso que esixe ao PSOE "que deixe de utilizar dispositivos", ao seu xuízo "ilegais e irregulares", con acordos á xunta de goberno para "tratar de quitar á sociedade encomendas de xestión". 

Unha demanda do PSOE que para Martínez foi presentada "co ánimo de asustar e ameazar" porque non só se pedía a disolución de Suplusa se non responsabilidades "patrimoniais ao propio Martínez e aos membros do Consello da Sociedade", precisou. 

En definitiva, para o presidente de Suplusa, trátase dunha "actuación dunha política raspiñeira e de moi baixa calaña política".

"Deixen de xudicializar"
Pola súa banda, a portavoz do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, constata que "un dos datos máis importantes do auto é que todas as actuacións que se fixeron en Suplusa e as iniciativas que levaron á Deputación contaban con todos os informes favorables". 

É por iso que pide ao presidente provincial, Darío Campos e ao PSOE, que "deixen de xudicializar cando os actos teñen todo a favor e deixen traballar ao PP". 

Invítalle finalmente "a sumarse" ao traballo que está a facer Suplusa e "a evitar os paripés unha vez que a xustiza vén de quitarlle a razón aos socialistas". 

Comentarios