Un lugués, entre os 9 detidos dunha rede estatal de estafa de viño

Operaba desde a provincia nunha organización con máis de 90 empresas ficticias coas que se fixeron con 125.000 botellas dunha firma de Burgos
photo_camera Recuperación de parte do material por parte da Garda Civil. EP.

A Garda Civil desarticulou unha rede estatal de estafa de viño que se saldou coa detención de nove persoas, unha das cales é da provincia de Lugo. Ademais, a Benemérita investiga a outras dúas como autoras de delitos de branqueo, estafa, falsidade documental, contra a propiedade industrial, receptación e pertenza a unha organización criminal. A rede desarticulada chegou a crear máis de 90 empresas ficticias e a estafar máis de 125.000 botellas de viño a unha empresa de Burgos.

Desde a comandancia burgalesa da Benemérita indican que o detido da provincia ten antecedentes penais por estafa, e que desde Lugo tiña operatividade nun armazón a nivel estatal que tamén operaría desde Navarra, Madrid, Valencia, Toledo e A Rioxa, situándose o centro de operacións nesta última comunidade.

Dentro dunha organización que a Garda Civil describiu como xerárquica e piramidal, os integrantes tiñan estrutura para estafar, almacenar a mercancía, realizar unha nova etiquetaxe do viño e introducir o produto no mercado.

A operación, que recibiu o nome de Dolio, púxose en marcha en xullo de 2019. Aos detidos e investigados, cuxas idades oscilan entre os 34 e os 81 anos, tamén se lles atribúe a regencia de empresas ficticias, sen movemento algún, nin patrimonio coñecido ou actividade comercial, e que a Garda Civil continuará investigando nunha nova fase da operación.

ESTAFO DO NAZARENO.O modus operandi da rede era o coñecido como timo do nazareno, segundo o cal os estafadores se gañaban nun primeiro momento a confianza dos provedores, realizando pequenos pedidos que pagaban en man. Máis tarde, realizaban compras máis grandes das que aprazaban o pago, ou con pagarés que nunca chegaban a abonar.

A través deste timo conseguiron un total de 125.000 botellas dunha empresa vinícola de Burgos. Con algunha das 90 empresas ficticias encargaban o viño á empresa, que admitía o cobro en pagarés. Posteriormente, a organización cambiaba as etiquetas e revendía o viño estafado por valor superior dándolle unha aparencia de maior calidade. Para complicar a posible investigación, a rede creou ramificacións en distintos puntos do Estado.

A Garda Civil logrou recuperar en Zaragoza e Navarra parte do viño, concretamente 3.160 botellas e 60 envases de cinco litros. O produto xa fora etiquetaxe de novo para a súa introdución no mercado.

As dilixencias instruídas deste caso foron entregadas no xulgado de instrución número 3 de Burgos.

Comentarios