A provincia de Lugo suma outras dúas unidades de Atención Temperá

Para Balseiro trátase dun "recurso fundamental" para estes municipios, porque permite detectar trastornos no desenvolvemento dos nenos de 0 a 6 anos 
José Manuel Balseiro. J.VÁZQUEZ
photo_camera José Manuel Balseiro. J.VÁZQUEZ

A provincia de Lugo sumará proximamente outras dúas unidades de Atención Temperá, para detectar e tratar posibles trastornos que se producen nos primeiros anos da infancia, de modo que dezasete municipios lucenses disporán deste servizo, segundo informou este venres o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, acompañado dos alcaldes dos municipios beneficiarios.

Unha desas dúas novas unidades prestará servizo nos municipios de Castro e Outeiro de Rei, mentres que a segunda atenderá aos nenos de Palas de Rei, Begonte, Friol e Guntín, grazas a un investimento da Xunta de Galicia de 294.000 euros.

Estas dúas unidades sumaranse ás que comezaron a funcionar en 2018 en Antas e Portomarín e nos municipios de Mondoñedo, Abadín, Barreiros, A Pastoriza, Trabada e Lourenzá.

Outra unidade funciona, a maiores -de modo serán cinco en total- na comarca da Mariña, entre os municipios de Viveiro e Burela.

Para Balseiro trátase dun "recurso fundamental" para estes municipios, porque permite detectar trastornos no desenvolvemento dos nenos de 0 a 6 anos para tratar de axudarlles e de corrixilos o máis pronto posible.

Recordou, de feito, que cada unha destas unidades está atendida por un grupo "multidisciplinar" para mellorar o servizo que se lle presta ás familias. 

Comentarios