jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

Lugo presume en Fitur de ser "unha provincia de cine"

El vídeo presentado en Fitur: 'Lugo, provincia de cine'
A Deputación presenta a campaña 'Lugo, provincia de cine', que promove o turismo vinculado aos escenarios de coñecidos rodaxes

Lugo, provincia de cine é a campaña de turismo que a Deputación de Lugo presentou este xoves na caseta de Turespaña da Feira Internacional de Turismo (Fitur). Trátase dun proxecto que promove as visitas turísticas vinculadas aos escenarios de producións audiovisuais rodadas na provincia, como O que arde, Dhogs, Live is Life ou O sabor das margaridas.

Durante a presentación, o presidente da Deputación, José Tomé, explicou que o audiovisual é unha vía para a promoción do territorio que, ademais, pode converterse ademais nun "factor de desenvolvemento do rural".

No acto, celebrado na caseta de Turespaña, estivo presente a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto; o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst, e o deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entre outros políticos e operadores e medios nacionais e internacionais.

Para a presentación, a Deputación de Lugo contou coa participación do presidente e fundador de CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim; o produtor de Gaitafilmes, Suso López, e o produtor audiovisual de Amanita Films e codirector do festival FanCine, Iván Patiño, todos vinculados ao sector audiovisual, que explicaron o potencial da provincia como fonte de inspiración e como escenario de producións. 

Con esta iniciativa, Tomé indicou que se busca consolidar "un modelo de turismo sostible, non masificado, cunha oferta de calidade e diversificada, vinculado coa natureza, o patrimonio cultural, a historia e a gastronomía", incorporando "ás múltiples opcións" existentes na actualidade "o turismo ligado ás rodaxes, buscando a complicidade da ilusión, o dinamismo e a maxia que sempre suxire a produción audiovisual".

"Buscar a interrelación entre a produción audiovisual e o turismo pode converterse, sen dúbida, nun factor de desenvolvemento para o rural", abundou o presidente provincial, quen puxo en valor a longa tradición de rodaxes na provincia, onde filmaron directores como Gracia Querejeta, Manuel Gutiérrez Aragón, Mario Camus ou Gonzalo Suárez. A eles seguíronlle "con éxito" outros como os irmáns Coira, Oliver Laxe e Dani de la Torre.

Ghaleb Jaber Ibrahim, destacou a versatilidade e o "extraordinario potencial da provincia de Lugo como  estudio de cine e televisión". CTV, con case 40 anos de historia, é a produtora de O sabor das margaridas, que achegou unha historia rodada en paisaxes da provincia a máis de 200 países.

Pola súa banda, Suso López, produtor de Gaitafilmes, radicada en Meira, destacou que "nos últimos anos producimos dúas longametraxes aproveitando en boa medida as facilidades e o potencial humano, técnico e creativo que nos ofrece a provincia de Lugo como un espazo para o cine".

Iván Patiño, organizador de FanCine, en Monforte, destacou que a "exhibición e distribución son tamén patas fundamentais para crear unha industria e unha experiencia visual diferente". Así mesmo destacou que o FanCine realiza proxección en bosques de castiñeiros ou adegas "que fan que a experiencia de ver cine quede gravada para sempre".

Lugo presume en Fitur de ser "unha provincia de cine"
comentarios