Dúas aulas pechadas polo coronavirus na provincia de Lugo

Os casos activos na comunidade educativa lucense pasan de dous a oito nunha semana. En Galicia elévanse a 69

Interior de un aula. DANIEL LUQUE (EFE)
photo_camera Interior dun aula. DANIEL LUQUE (EFE)

Os casos activos de covid-19 que afectan a centros educativos de Galicia aumentaron a 69, que son 12 máis que hai unha semana. Creceron tamén as aulas pechadas: sete, unha máis. 

Os datos actualizados este mércores pola Consellería de Educación —que facilita as cifras unha vez á semana— revelan que a repunta tamén se nota na provincia de Lugo, con oito casos na comunidade educativa. Son seis máis que hai sete días. Neste punto, hai dúas aulas pechadas, unha máis.

Casos coles

A área sanitaria con máis positivos entre traballadores dos centros educativos e alumnos é a da Coruña, con 20 —un máis que hai unha semana— e unha aula pechada. Hai sete días non tiña ningunha. 

Séguea a área de Pontevedra e O Salnés, con 13 infeccións activas, catro máis que hai unha semana, e unha clase inoperativa (sen cambios). Neste punto, a Xunta destaca o caso do CPI Plurilingüe Alfonso VII de Caldas de Reis, con oito casos e unha aula pechada. 

Na área de Vigo, mentres, ascenden a 11 os casos activos, un máis, e queda sen clases pechadas —a semana pasada tiña unha—. Mentres, a de Santiago e O Barbanza reduce a nove as infeccións activas —dous menos— e segue cunha aula inoperativa. 

Á cola están Ferrol —con cinco positivos e dúas aulas pechadas— e Ourense, que concentra tres casos e non ten aulas pechadas.

En canto ás escolas infantís de toda Galicia, por terceira semana non hai casos activos deste coronavirus en ningunha. 

Comentarios