Lucenses de medio século

A quinta do 72 está de parabéns e en Lugo hai moito que celebrar. Xuntanzas, candeas, viaxes... 50 anos merecen un brinde.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. XESÚS PONTE (AEP)
photo_camera Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. XESÚS PONTE (AEP)

O ano 1972 foi bisesto, 366 días coas súas noites, sol e nubes e ata un furacán. Pero o vento non foi o único que abaneou Galicia ese ano. A loita obreira estaba en plena efervescencia e nela perderon a vida Amador Rey e Daniel Niebla, asasinados a tiros pola Policía cando participaban nunha manifestación en Ferrol para reclamar melloras laborais para os asteleiros. As mortes foron soadas, pero tamén houbo nacementos. Fundouse Fuxan os Ventos, que pon banda sonora a unha xeración da que forman parte Juan Luis, Lara e Jesús Méndez, Manuel Díaz, Juan Luis Tomé e Rosa Cedrón.

Todos fan os 50 anos no 2022. Cada un festexou ou festexará o aniversario ao seu xeito, pero medio século non se fai todos os anos e a data non pasa desapercibida para ninguén. Tortas con candeas, comidas con familiares e amigos, viaxes... o caso é celebrar.

Juan Luis Méndez Rojo, xerente de ViniGalicia.
Juan Luis Méndez Rojo, xerente de ViniGalicia.

JUAN LUIS MÉNDEZ. É xerente de ViniGalicia e Vía Romana. Fará 50 anos o 19 de novembro e séntese na plenitude da vida. Juan Luis Méndez desprende un optimismo contaxioso. Desfruta do momento e só se detén a mirar o horizonte para gozar da posta de sol.

"Teño moito que celebrar e vai ser un ano grande. Son moi afortunado. Teño saúde e boa xente arredor. Hai motivos para agradecer cada día do ano e o 19 de novembro tamén", comenta cando se lle pregunta como festexará o aniversario.

É un home ocupado, xestiona un grupo empresarial que dá moito que facer, pero é quen de atopar tempo para si nunha axenda repleta de notas.

"O mesmo día do aniversario convidarei a xantar á familia e aos amigos nunha adega. Xuntarémonos unhas cen persoas para comer, beber, haberá música… Con isto o que quero é darlles as grazas por aguantarme estes 50 anos", avanza.

Pero non será a única celebración. Fará ademais "unha viaxe de catro días a Formentera con once amigos que tamén cumpren 50 anos". E tampouco quedará aí a cousa, porque ten catro afillados dos que non se esquece nunca. "Quero facer algo con eles. Teñen idades diferentes, entre 33 e 4 anos. Buscarei algo que sexa axeitado para todos", explica cheo de ilusión. Nótase que desfruta tanto dos preparativos coma da festa.

A Juan Luis Méndez fáiselle pouco un ano para levar a cabo os seus plans de celebración

Conta que tamén se fará un regalo. "Teño unha lista de restaurantes que quero visitar con xente coa que me apetece estar". Isto vai máis aló dunha declaración de intencións porque xa empezou a tachar nomes do listado e pretende avanzar con axilidade, sen présa nin pausa.

Entre festa e festa, aló vai o ano e, para rematar, en decembro agarda un encontro coa quinta do 72 de Chantada que lle fai moita ilusión. "Temos prevista unha reunión dos compañeiros que estudamos EXB, BUP e COU. Haberá unha misa en lembranza dos que xa non están e será oficiada por don Pegerto, o cura que nos deu Relixión no instituto. Despois comeremos un cocido. Teño moitas ganas de estar cos amigos da infancia", apunta.

Di que sempre valorou os praceres do día a día, pero que a pandemia lle axudou a aprezar ata o máis minimo detalle. "Xa non quero quedar para cear, prefiro comer e ter a tarde por diante. Perdín o costume de deitarme tarde e encántame aproveitar as mañás". Desde esta perspectiva valora o tempo e di entre risas que "os 50 son os novos 30. A min antes unha persoa de 50 anos parecíame vella. Algúns pensan na xubilación, pero a min nin se me ocorre".

Tanto ánimo require moitos proxectos nos que aproveitalo e o sector vinícola está de parabéns neste caso. Se o viño inflúe na vitalidade de Juan Luis Méndez, debería ser de obrigado consumo.

Jesús Méndez, director xeral de Caixa Rural.
Jesús Méndez, director xeral de Caixa Rural.

JESÚS MÉNDEZ. Cando Juan Luis Méndez estudaba Económicas en Santiago, os alumnos sentábanse por orde alfabética e ao seu carón estaba outro lucense, Jesús Méndez, hoxe director xeral de Caixa Rural. Os dous lembran con cariño aqueles anos e entre bromas din que nos exames se copiaban mutuamente. Jesús Méndez tamén é da quinta do 72 e xa leva algúns meses convivindo co medio século. Fixo os 50 anos o 10 de xaneiro. Conta que a celebración foi "moi sinxela, familiar, o mesmo que calquera outro aniversario". Explica que houbo varias xuntanzas familiares próximas no tempo, polo que decidiu celebrar ese día na intimidade.

Jesús Méndez xa fixo os 50 anos en xaneiro e hoxe festexará os da súa parella, Cristina Vela

Pero é imposible que o medio século pase desapercibido porque sempre hai algún amigo que o celebra. No caso de Jesús Méndez, viaxou ata Málaga cun grupo de amigos para festexar os 50 anos dun lucense que reside aló.

E precisamente hoxe, 10 de setembro, as candeas volverán alumear na súa casa. Nesta ocasión a encargada de apagalas será a súa parella, Cristina Vela, quen chega á cifra redonda. 

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. XESÚS PONTE
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. XESÚS PONTE

LARA MÉNDEZ. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tamén está a punto de chegar ao medio século. Será o 17 de setembro e di que aínda ten parte da celebración por concretar porque terá compromisos oficiais tamén ese día. 

Lara Méndez ten previsto celebrar o seu medio século cos amigos no Caudal Fest

Tiña previsto xantar co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que tamén fixo os 50 anos en febreiro, pero a cita quedou adiada, así que Lara Méndez terá máis tempo para festexar o 17 de setembro en familia.

Tamén  buscará tempo para os amigos. A data coincide coa celebración do Caudal Fest en Lugo e ten previsto asistir pola noite cun grupo de achegados para festexar con música e baile un aniversario tan sinalado.

Manuel Díaz, de Sotavento
Manuel Díaz, responsable de divulgación de Sotavento.

MANUEL DÍAZ. É o responsable de divulgación do parque eólico experimental Sotavento. Naceu o 8 de decembro en Ponte Caldelas, pero os seus pais son de Vilalba e non querían inscribilo alí. "Querían evitar complicacións se no futuro necesitaban unha partida de nacemento ou calquera documento do rexistro", explica. Así que aproveitaron unha viaxe da Peña Celtista vilalbesa a Vigo para subirse ao autobús co neno e viaxar ata Lanzós. Lograron inscribilo o día 17 e esa é a data que figura no seu DNI, pero Manuel Díaz sabe que naceu o 8 de decembro e ese é o día que sempre se festexou na súa casa.

Manuel Díaz está preparando unha viaxe ás Canarias para percorrer unha illa en bicicleta

Este ano non será menos. Haberá celebración coa familia e cos amigos, pero tamén "algo especial por tratarse de medio século de vida. Xa empeza a conta atrás", di entre risas.

Manuel Díaz explica que ten unha viaxe en proxecto. Está por concretar o destino, pero a intención é clara: "Irei coa miña muller ás Canarias. Eu fago os anos nun mes frío e é bo momento para buscar o calor. Ademais, como son un apaixonado da bici, aproveitarei tamén para darlle unha volta á illa", comenta. Está por decidir cal será a illa, pero calquera se presta tanto para a celebración como para o ciclismo.

Juan Luis Tomé, fotógrafo e arquitecto técnico.
Juan Luis Tomé, fotógrafo e arquitecto técnico.

JUAN LUIS TOMÉ. "Cumprir anos é sempre unha boa desculpa para xuntarse con amigos e familia", comenta Juan Luis Tomé, arquitecto técnico e fotógrafo de Guitiriz

Asegura que aínda non pensou no xeito de celebralo, ten tempo ata o 29 de novembro, pero avanza que "algo se fará". Di que desfruta especialmente do tempo compartido coa familia e cos amigos máis achegados, así que aventura que a festa do seu medio século pode ir por ese camiño.

Juan Luis Tomé cre que facer anos é a mellor desculpa para organizar plans cos achegados

"Falamos do tema hai pouco, na celebración dos 40 anos dun amigo, pero non concretamos nada e non hai nada decidido. Nesa ocasión fixemos unha viaxe de fin de semana coas nosas parellas e os nosos fillos", relata. É un bo plan e non é descartable que se repita, pero Juan Luis Tomé insiste en que calquera momento coa compañía axeitada pode ser unha celebración.

Rosa Cedrón, cantante.
Rosa Cedrón, cantante.

ROSA CEDRÓN. "Os anos son algo relativo, importa máis o que se leva vivido", comenta Rosa Cedrón. Aínda así, di que "está ben" chegar ao medio século de vida. De feito, apunta que "aínda que cumpro os anos o 25 de outubro xa levo meses dicindo que teño 50".

Non ten nada especial pensado para ese día. Cae en martes e ten citas nos escenarios en datas próximas. "Teño moito traballo en outubro e terei pouco tempo para preparar festas, pero algo haberá", avanza.

Rosa Cedrón di que prefire celebrar o día a día e optará por soprar as candeas en familia

Explica que na súa familia gústalles celebrar os aniversarios "entre nós. Xuntámonos para comer na casa". O que non falta é a torta e as candeas.

A cantante monfortina confesa que o que realmente lle gusta é "celebrar o día a día, non o tempo que vén marcado", pero bromea e asegura que "unha festa sorpresa tamén sería benvida".

Medio século ben vivido merece polo menos un brinde. Parabéns a todos e que cumpran moitos máis.

Comentarios