Oito locais sociais de Portomarín contarán con estufas de biomasa

O Inega financia o 80% deste proxecto a través de fondos europeos. O importe total ascende a preto de 14.000 euros

O Concello de Portomarín presentou un novo proxecto de instalación de estufas de biomasa en oito locais sociais do municipio, unha actuación que deberá executarse antes do 30 de setembro.

Para a posta en marcha deste plan, o Concello solicitou axuda económica ao Inega (Instituto Enerxético de Galicia). A través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento do Rural —no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020— financiarase o 80 % do importe total, que alcanza os 13.831,51 euros. O 20 % restante do orzamento partirá das arcas municipais.

O custo da implantación de cada estufa oscila entre os 1.500 e os 2.000 euros.

BENEFICIARIOS. Os oito locais sociais que se favorecerán destas axudas son os dos lugares de Vilaxuste, Cruceiro, Castrolázaro, Portomarín, Recelle, Seixón, Soengas e Bagude. "Só debe quedar un local sen que se poñan estas estufas", resaltan desde o goberno local. Desde o Concello agradecen a achega económica e destacan que "é unha mellora que poderán aproveitar todos vos veciños".

Comentarios