José Tomé recibe ao piloto Eduardo Iglesias, único galego en acabar o Dakar 2021

A Deputación patrocinou a participación do motorista monfortino no rally, que se celebrou en Arabia Saudita
Tomé recibe a Iglesias. EP
photo_camera Eduardo Iglesias, nun momento do Rally Dakar 2021.EP

O piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, que competiu no Rally Dakar 2021 patrocinado pola Deputación de Lugo, visitou onte a institución provincial, onde foi recibido polo presidente, José Tomé Roca, e a deputada de réxime interior, promoción do territorio e turismo, Pilar García Porto.

O deportista monfortino conseguiu acabar a proba por segundo ano consecutivo e terminou no posto 53. Foi único galego en completar o percorrido.

Luciu por Arabia Saudita o escudo da Deputación e a imaxe turística da provincia de Lugo, tanto na súa moto como no uniforme co que competiu. Fontes da institución provincial consideran que esta acción supón unha importante proxección da imaxe da provincia a nivel internacional, pois a competición ten repercusión en 200 países, cada etapa chega a cinco millóns de espectadores en directo e alcanza cifras extraordinarias en internet, con 54 millóns de visitas.

No transcurso da recepción, José Tomé felicitou ao piloto monfortino polos seus logros e entregoulle un exemplar do Dicionario da Comida Galega, así como unha insignia institucional. Eduardo Iglesias, pola súa banda, entregoulle ao presidente provincial unha camiseta e unha foto da súa participación no Rally Dakar 2021. 

Comentarios