José Tomé marca os tempos

O presidente da Deputación deixou claro no seu primeiro pleno, pedido polo PP sobre residencias, que será estrito coas quendas e os cronometrará. Reiterou que abrirá os 18 centros prometidos
2019082118590688680
photo_camera Á esquerda, José Tomé e Maite Ferreiro xunto ao cronómetro instalado no salón de plenos de San Marcos. SEBAS SENANDE

A primeira sesión plenaria da Deputación presidida por José Tomé Roca estivo marcada por unha tónica xa esquecida na institución: o respecto polas formas e as quendas de palabra. Unha pantalla cun cronómetro presidindo o salón de San Marcos para que ninguén se excedese na súa intervención auguraba unha sesión moi distinta ás vividas nos últimos tempos. O novo presidente quixo deixar claro desde o primeiro pleno extraordinario -solicitado polo PP para aclarar o futuro das residencias- que será estrito coas quendas.

O monfortino afeou aos populares que non respectasen o tempo de cortesía de cen días pedindo a sesión "só 22 días despois de tomar posesión e sen que tivera acontecido nada extraordinario".

Nun pleno que durou escasos 60 minutos, Tomé Roca foi contundente contra a portavoz do PP, Elena Candia, cando esta expresou a súa "preocupación" pola suposta intención do executivo de non "cumprir os acordos adquiridos" coas residencias. "A vostede gústalle xogar non terreo embarrado, pero a min non, gústame o xogo limpo e de calidade. Manipulou a información, pero os rexedores e veciños poden estar tranquilos porque cumpriremos os compromisos, como xa dixemos", aclarou o socialista, quen desmentiu á popular, que o culpou de romper "acordos" neste sentido. "Nós nunca dixemos iso e vostede quixo enganar e facer dano político", aclarou o presidente.

Candia acusou ao actual executivo de querer "converter en papel mollado" o traballo dos anteriores mandatarios, os tamén socialistas Darío Campos e José Ramón Gómez Besteiro. Tomé foi taxativo e dixo que o goberno "non dará voltas á nora na que nos quere meter", manifestando a súa aposta "firme" para a construción dos 18 centros anunciados.

O presidente marcou os tempos en todo momento e incluso lle retirou a palabra a Candia cando esta a tomou "sen pedir permiso". "Antes deixaríanlle, pero agora non. Non pode darlle ao botón e falar cando vostede queira", espetoulle e advertiu á popular de que "isto cambiou, mudou a película que se estaba proxectando nesta casa, vostede xa non é a actriz principal, agora hai outros actores que só teñen interese en traballar para os lucenses e polo prestixio desta institución".

José Tomé tachou a Candia de "atrevida" ao acusalo publicamente de dar un "golpe de estado" no seo do seu partido para chegar á Deputación. "Fóiselle a pota e meteu a patas de xeito brutal, polo que esixo que retire ese exabrupto impropio, aínda que sei que non ou vai facer. Se hai alguén aquí que dá golpes de estado é vostede, como fixo co seu partido en Monforte", indicou Tomé en referencia á portavoz popular no pasado mandato, Julia Rodríguez Barreira, que non concorreu como candidata ás últimas municipais.

Para rematar, alentou ao PP a facer unha oposición construtiva. "En política non vale todo, tranquilícese e sexa útil para a provincia".

CENTROS DE MAIORES. Respecto das residencias, tanto a portavoz do goberno, Pilar García Porto, como o do BNG, Efrén Castro, reiteraron que a Deputación seguirá adiante cos centros comprometidos, "pero non adquirirá ningún máis, como defendemos sempre". Recordaron ademais que buscarán o diálogo e colaboración institucional "pois a responsabilidade de impulsar este servizo é da Xunta de Galicia".

Ao final do pleno extraordinario, os dez deputados socialistas e os tres nacionalistas votaron en contra dos argumentos presentados polos doce populares.

Comentarios