José Tomé cre que a data electoral "obedece a unha estratexia" de Feijóo

O presidente da Deputación de Lugo indica que "vai ser unha campaña con moitas dificultades para trasladar os programas aos galegos"
José Tomé Roca. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera José Tomé Roca. VITORIA RODRÍGUEZ

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, considera que fixar o 12 de xullo as eleccións autonómicas "obedece máis ben a unha estratexia" do PPdeG e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "a unha necesidade" dos galegos nestes momentos. 

En declaracións aos medios este martes, Tomé cre que estes comicios estarán condicionados por unha "situación sanitaria delicada" que "pode pór en risco aos cidadáns" tanto pola súa participación en actos electorais como o propio día da votación. 

Ademais, recorda que vai haber persoas "que van estar obrigatoriamente nas mesas" e, polo tanto, expostas. E engade que "vai ser unha campaña con moitas dificultades para trasladar os programas aos galegos". 

Dito todo iso, José Tomé suxire que "fose moito mellor que o señor Feijóo negociase co resto de partidos unha data pactada" -PSdeG, BNG e Galicia en Común-Anova Mareas rexeitan a convocatoria en xullo- e que "fose moito máis segura para todos os galegos e galegas".

Critica que o titular da Xunta estivese ocupado en confrontar "co Estado en lugar de axudar",

"FACER CAMPAÑA" COA CRISE. En vista da convocatoria, dada a coñecer este luns, o presidente da Deputación de Lugo lamenta que Feijóo "dedicouse durante este tempo a facer campaña coa xestión da crise sanitaria". 

Así mesmo, critica que o titular da Xunta estivese ocupado en confrontar "co Estado en lugar de axudar", ademais de non asumir "responsabilidades pola situación sanitaria en Galicia, que é exclusivamente froito da súa mala xestión". Tal e como recordou, a sanidade é competencia "exclusiva" da Comunidade, de acordo co Estatuto de Autonomía. 

Comentarios