Invisten 975.000 euros na limpeza de ríos da conca do Cantábrico

As actuacións da Confederación Hidrográfica, a petición da federación provincial de asociacións de veciños de Lugo, execútanse en canles fluviais de trece concellos
2020061812354742420
photo_camera Traballos no río Machín, en Riotorto. EP

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico executa melloras e tarefas de limpeza en ríos e afluentes de trece municipios da provincia de Lugo, solicitados pola federación de asociacións de veciños de Lugo. O importe desta actuación rolda os 975.000 euros. Entre xaneiro e xuño, o organismo estatal investiu uns 300.000 euros en obras en Baleira, Becerreá e Riotorto. O seu presidente, Manuel Gutiérrez García, comprometeuse a completar os outros traballos pendentes antes de que finalice o ano.

En Baleira procedeuse á limpeza e roza de árbores caídas nun tramo de 2,5 quilómetros do río Lameirón. En Becerreá, onde se fixeron podas e se eliminou un vertedoiro incontrolado no río Navia, ademais de retirar maleza nos arroios Aira, Ponte e Penas. Na actualidade desenvólvense traballos similares no río Machín, en Riotorto.

As actuacións que se acometerán no segundo semestre son o acondicionamento de seis quilómetros do río Eo, entre Abres e Carracido, en Trabada, así como de catro quilómetros deste mesmo río entre Santa Apolonia a Salmeán, na Pontenova. Tamén está programada a limpeza da canle do Rodil entre Ponte dos Cangos e Vilarpescozo e en Chao do Pousadoiro; a dos ríos Logares e Rodil, na Fonsagrada; e a de varias canles en Negueira de Muñiz.

En Navia de Suarna acondicionarase o río Navia nos traxectos comprendidos entre A Pobra de Navia e a pasarela de pescadores e no que vai da central de Maseiriños á área recreativa do Cochoso. Este mesmo río será obxecto de tarefas de amaño en varias zonas de Cervantes, As Nogais e Pedrafita. En Ribadeo actuarase no río Grande.

A directiva da federación de asociacións de veciños de Lugo agradece "a colaboración e receptividade" da Confederación Hidrográfica do Cantábrico ás súas demandas, que foron presentadas ao presidente deste organismo nunha reunión celebrada na Subdelegación do Goberno en Lugo con asociacións dos trece concellos onde se propuñan intervencións.

Retiran residuos sólidos e troncos do Machín en Riotorto 
A subdelegación do Goberno emitiu unha nota na que explica os traballos executados estes días pola Confederación Hidrográfica do Cantábrico na canle e ribeiras do río Machín, cerca do núcleo da Veiga, en Riotorto.

Os labores desenvólvense nun tramo duns 2.000 metros de lonxitude e consisten na retirada de residuos sólidos de distinta natureza, entre eles troncos e ramas, que se transportan a lugares autorizados ou a un vertedoiro. Ademais procédese á eliminación de pés mortos. 

Orzamento 
O orzamento desta actuación, adxudicada á empresa pública Tragsa, é de 26.500 euros. Estas obras de mantemento fluvial execútanse fóra de zonas urbanizadas, onde a competencia é municipal.

Comentarios