Investigan catro lucenses por ir ao volante bebidos

Outro condutor está denunciado por conducir sen puntos no carné
Guardia Civil de Tráfico. ARCHIVO
photo_camera Garda Civil de Tráfico. ARQUIVO

A Garda Civil investiga catro condutores lucenses como autores dun suposto delito contra a seguridade viaria ao superar a taxa de alcol pola que a infracción administrativa pasa a ser instruída como dilixencia penal. Outra persoa foi denunciada por conducir co carné retirado.

Estas actuacións efectuáronse no marco da campaña de vixilancia que desenvolveu o sector de Tráfico en estradas da comunidade durante o fin de semana. No conxunto de Galicia houbo 255 positivos en alcoholemia e a 24 deles abríronselles dilixencias penais pola elevada taxa detectada. Outros 118 condutores deron positivo por consumo de substancias estupefacientes.

Un barallés resultou imputado tras arroxar unha taxa de 0,99 miligramos por litro de expirado, polo que case cuadriplicaba o límite permitido. Tamén deu positivo un vilalbés de 35 anos, cunha taxa de 0,59 milígramos por litro de aire nun control realizado na estrada LU-P-6517, no termo municipal de Vilalba.

O outro investigado é un veciño de Chantada, ao que pararon na estrada LU-616, e arroxou unha taxa de 1,08 milígramos por litro de aire expirado. Tamén figura entre os investigados un focense, de 45 anos, que se negou a efectuar a proba de alcoholemia despois de que lle desen o alto cando circulaba polo seu municipio de residencia.

Ademais, Tráfico sorprendeu a un veciño de Cospeito na estrada LU-113, ao seu paso por este termo municipal, cando conducía un turismo a pesar de ter retirado o carné pola perda total de puntos.

A Benemérita fixo 11.000 controis de alcol e drogas ao longo do pasado fin de semana en tramos de maior risco de accidentes e en zonas onde se rexistrou afluencia de persoas polas probas piloto de verbenas. A maior parte deles foron breves e dinámicos co obxecto de evitar a alerta a través de redes sociais e apps, combinados con outros estáticos en puntos onde a circulación era máis intensa.