jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

Un lucense interpón unha cuarta denuncia á firma de pago de débedas que contratou

Estado de la puerta dañada. EP
Estado de la puerta dañada. EP
O cliente sofre danos no seu despacho na Coruña e El Buda del Moroso acúsao de urdir "unha trama" para non pagar os seus honorarios

O conflito entre a empresa Xestión Reina Galicia, vinculada á cadea El Buda del Moroso, e o cliente lucense que a contratou para o cobro dunha débeda encamíñase cara a vía xudicial ante as diferencias entre as partes, envoltas en denuncias por ameazas. O avogado do afectado asegura que a "agresividade" dos cobradores vai en aumento. "De noite -na madrugada do martes ao mércores-, causáronlle danos na porta dun despacho que ten na Coruña, arrincáronlle a placa e deixaron unha tarxeta de visita a nome de El Buda del Moroso. La Funeraria del Cobro".

Esta actuación deu lugar a unha cuarta denuncia presentada na comisaría da zona sur da Coruña, que se suma ás tres interpostas ante a Garda Civil en menos dunha semana por este caso. O denunciante explicou que lle fixeron uns raiazos cun obxecto punzante para "debuxar unha diana duns trinta centímetros". Os danos ocasionados están valorados en 450 euros.

O xerente de Xestión Reina Galicia, vinculada a El Buda del Moroso, considera que este proceso se debe a "unha trampa urdida por un cliente para non pagar os seus honorarios. Son denuncias falsas e o noso gabinete xurídico tomará medidas". Esta persoa di descoñecer se os seus empregados enviaron mensaxes ameazantes por WhatsApp ao cliente, "aínda que poderían estar cansados de que non atendese as súas chamadas", ou acudiron a casa da nai deste, unha anciá octoxenaria, para advertirlle de que lle causarían serios danos se o seu fillo non abonaba as cantidades que lle reclamaban. "Se hai algún comercial díscolo dentro da empresa tomaremos as medidas oportunas", di o xerente da firma.

Este argumento non é aceptado polo avogado do ameazado, quen considera que "os insultos e as actitudes violentas sucédense e non se trata dun empregado que actúa de forma irregular, que xa tería que estar sancionado, senón dunha forma de actuar. Non só levaron a unha situación límite co cliente, que precisou atención psicolóxica e teletraballa sen poder ir ao seu propio despacho. A súa nai tivo que ser hospitalizada por mor das ameazas e tamén mantiveron unha actitude insultante e intimidatoria con avogadas e persoal do meu despacho e con familiares meus".

TELÉFONOS ENCRIPTADOS. Segundo este letrado, o persoal de El Buda del Moroso chama en ocasións con teléfonos encriptados "para que non podamos gravarlles, como fixeron para dicirlle cousas gravísimas a unha muller do bufete, da que sabían incluso a dirección do seu domicilio", afirman desde o despacho legal que asesora ao denunciante.

Unha das cuestións que chama a atención é a base de datos que manexaría El Buda del Moroso para acceder a teléfonos e direccións do bufete que asesora ao denunciante e doutras persoas que se viron implicadas no conflito.

As diferenzas entre El Buda del Moroso e o cliente iniciáronse cando este decidiu rescindir o contrato "polo que nos ordenaba cobrarlle 8.500 euros", recoñecen desde Xestión Reina Galicia. O contrato estipulaba que a xestora do cobro levaría un 37% da contía e 400 euros de honorarios no momento do acordo, "que son as contías que pretendemos recuperar", agregan. O seu xerente recalca que o contrato está asinado o 17 de xaneiro de 2021, "por erro, pero se rubricou en 2022, como se demostra no WhatsApp no que o cliente nos envía os seus datos".

Cando os comerciais de Xestión Reina Galicia visitan ao moroso, que tamén os denunciou pola súa actitude violenta ante a Garda Civil, este díxolles que quería falar co acredor "e entre eles chegaron a un acordo, pero nós queremos cobrar os nosos honorarios". Tamén sinalan que conta con vídeos e gravacións das súas intervencións.

Aínda que houbo un contacto inicial no que se lle ofreceu 500 euros a El Buda del Moroso para resolver o problema, "os seus representantes responderon con insultos e enviámoslles un burofax para anular o contrato", indica o avogado do cliente, quen afirma que este caso adquire unha dimensión preocupante "e as autoridades deben tomar medidas para frear esta espiral".

Un lucense interpón unha cuarta denuncia á firma de pago de débedas...
comentarios