O Incio é o concello da provincia con máis vacinados: un 46,47% da súa poboación

Na lista séguenlle, por esta orde, Navia de Suarna, Bóveda, Sober e Ribeira de Piquín, con porcentaxes entre o 45,89 e o 44,14 por cento
Trabajadora de la residencia de O Incio vacunándose contra el covid. EP
photo_camera Traballadora da residencia do Incio vacinándose contra o covid. EP

O concello do Incio presenta as mellores cifras en canto a porcentaxe de poboación vacinada contra o coronavirus na provincia de Lugo. O 46,47% dos seus veciños recibiu polo menos unha dose do inyectable contra o covid-19.

O Incio é agora mesmo un concello libre de covid, como o é tamén o segundo na lista con máis vacinados: Navia de Suarna, cuxo 45,89% de poboación recibiu polo menos unha dose.

Bóveda, cun 45,44% dos seus veciños vacinados, é o terceiro concello na lista. A día de hoxe, tampouco conta con casos activos. Como sucede en Sober, o cuarto concello con máis poboación que recibiu polo menos unha dose, o 44,81%.

Ribeira de Piquín, cun caso activo de covid-19, presenta unha porcentaxe de poboación vacinada do 44,14% e é o quinto concello na lista.

O concello de Galicia que presenta mellores cifras é o de Larouco, na provincia de Ourense, que presenta un porcentaxe de poboación vacinada do 56,31. Situado na comarca de Valdeorras, trátase dun pequeno concello que, segundo o censo de 2020, conta con 417 habitantes.

Ourense presenta os mellores datos de vacinación dentro da comunidade galega. Así, os 19 primeiros concellos da lista pertencen a devandita provincia. O vixésimo é precisamente O Incio.

Debido a que a campaña de vacinación empezou polos grupos de idade máis elevados, é lóxico que as provincias do interior, que contan cunha poboación máis envellecida, presenten mellores datos que as atlánticas neste apartado.

Na provincia da Coruña, o concello cunha porcentaxe de poboación vacinada máis alto é o de Santiso, cun 40,16%. Na de Pontevedra é o de Crecente, cun 39,86. Segundo á última actualización do Ministerio de Sanidade, Galicia recibiu un total de 1.058.215 dose da vacina do covid, das cales administrou 985.789 (un 93,2%). O número de persoas que recibiron polo menos unha dose ascende a 738.114, mentres que contan coa pauta completa 250.284.

Desas 1.058.215 doses recibidas pola comunidade galega, 743.065 son da vacina de Pfizer; 208.000, da de AstraZeneca; 98.800, da de Moderna, e 8.350, da de Janssen.

Comentarios