Guerra de mocións no pleno provincial polas desfeitas do xabaril e en defensa de Alcoa

A duplicidade de propostas para tratar estes temas non oculta as evidentes diferenzas políticas entre os grupos
Pleno de la Deputación de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Pleno da Deputación de Lugo. SEBAS SENANDE

O ambiente preelectoral animou o debate do pleno ordinario da Deputación, que se celebrou na mañá deste martes, ata o punto de que tanto os grupos que conforman o goberno bipartito -PSOE e BNG- como o do PP, na oposición, presentaron mocións practicamente idénticas para debater dous dos temas que máis preocupan na provincia, como son os danos causados polo xabaril e o futuro de Alcoa.

Pero a pesar das coincidencias no fondo, as diferenzas políticas fixéronse evidentes cando nesta duplicidade de mocións só a do BNG con relación a Alcoa logrou a unanimidade da corporación.

Elena Candia foi a encargada de iniciar as hostilidades, cando antes de entrar ao salón de plenos xa acusaba o bipartito de "plaxiar" as súas iniciativas, algo que tanto PSOE como BNG rexeitaron de cheo.

Os portavoces nacionalistas e socialistas, Efrén Castro e Pilar García Porto, respectivamente, acusaron á Xunta "de poñerse de lado" na problemática que sofre a factoría de San Cibrao pola redución da súa produción a causa do alto custo da enerxía. Neste sentido, Castro puxo a Galicia como o único exemplo "non que un país produtor é penalizado", polo que avogou pola "tarifa eléctrica galega".

O popular Javier Jorge Castiñeira defendeu, pola súa banda, a implicación da Xunta e responsabilizou da situación ao Goberno de Pedro Sánchez por non "ter sido capaz de aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo".

Ás acusacións respondeu a deputada Pilar García Porto, quen non só remarcou "a implicación" tanto do Executivo como da Deputación con Alcoa, senón que acusou ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, de ir a San Cibrao "a só facerse fotografías" e ao PP de non facer nada cando tiña responsabilidades de goberno "e Alcoa xa tiña problemas".

Os socialistas presentaron emendas tanto á moción do PP como á do BNG que, con todo, non foron aceptadas. Aínda así, a corporación provincial foi unánime á hora de aprobar a proposta dos nacionalistas, quen tamén apoiaron a dos populares. O PSOE, con todo, quedou só nesta última ao votar en contra.

XABARIL. No debate sobre o control da poboación de xabarís, o desencontro político entre as diferentes formacións tamén foi evidente. Así, mentres que o popular Agustín Baamonde defendeu a necesidade de que o Goberno central se implicara á hora de buscar "unha solución de concordia", socialistas e nacionalistas uníronse para instar á Xunta a elaborar un "plan de control" sobre a poboación desta especie.

Pilar García e Efrén Castro reprocharon á Xunta que só achegue 600.000 euros en axudas polos danos causados por esta especie, cando as desfeitas suman 15 millóns ao ano. A moción socialista aprobouse co apoio do BNG, mentres que a do PP foi rexeitada.

Comentarios