O Goberno provincial, "tranquilo" tras pedir a xulgado información das súas residencias

Pilar de Lara requiriu a información o pasado mes de agosto

Álvaro Santos. EP
photo_camera Álvaro Santos. EP

O Goberno provincial da Deputación de Lugo confirmou que foi a titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo, Pilar Lara, a que requiriu información sobre residencias para maiores programadas pola Deputación e cuxa encomenda de xestión, agora posta en dúbida, leva a sociedade Suplusa, que preside o deputado non adscrito Manuel Martínez. 

Foi no mes de agosto cando a Garda Civil solicitou esta información por mandato xudicial, unha investigación que parte, segundo puido saber Europa Press, dun anónimo que chegou ao xulgado, e fronte á que o goberno provincial está "tranquilo".

"Un goberno que ten a conciencia tranquila, a súa preocupación non é en que xulgado se fagan as dilixencias", dixo o portavoz do executivo provincial, Álvaro Santos.

Ante os medios, Santos reiterou que esa petición de información é "do mes de agosto". "É unha solicitude de información que se fai á Deputación e que a Deputación, como sempre, traslada, cumpre con absoluta normalidade e rigor a calquera requirimento xudicial", dixo o portavoz, tras o que aclarou que se produce no "seo dunhas dilixencias". "Non hai nada misterioso, nin escandaloso, nin nada que ocultar, nin preocuparse cando menos o goberno da deputación", resolveu.

XUNTA DE GOBERNO. Tras a Xunta de Goberno, Santos deu conta da apertura do prazo "ás máis de 130 asociacións sociais da provincia, para solicitar as axudas entre 18.000 e 24.000 euros para a contratación de desempregados lucenses coas que reforzar a súa actividade social". 

"Abrimos o prazo de solicitude do programa Tecendo Emprego, para a contratación duns oitenta lucenses actualmente no paro. Cada asociación pode solicitar ata dous traballadores", precisou, á vez que recordou que son 1,7 millóns de euros o que se inviste neste novo programa de emprego. 

Comentarios