A nova guía '...E para comer Lugo' preséntase en Fitur como "un cruzamento de camiños"

Esta edición articúlase ao redor das catro rutas xacobeas que pasan pola provincia
Presentación de '... E para comer Lugo' en Fitur. CONCELLO DE LUGO
photo_camera Presentación de '... E para comer Lugo' en Fitur. CONCELLO DE LUGO

A décimo cuarta guía gastronómica ...E para comer Lugo, que este mércores foi presentada en Fitur, estrutura o seu contido, en plena celebración de Xacobeo 21-22, ao redor das diferentes etapas das catro rutas xacobeas que pasan pola provincia, coa intención de ofrecer información ao posible visitante sobre os atractivos de todos e cada un dos concellos lucenses.

A nova guía, que leva por título Lugo, cruzamento de camiños, "viaxa polas diferentes etapas das catro rutas xacobeas oficiais que atravesan a provincia" e "por outras rutas alternativas que permiten coñecer os lugares con máis encanto de Lugo, a natureza, o patrimonio, a cultura e a gastronomía de todos e cada un dos concellos lucenses".

 

O acto de presentación tivo lugar no caseta de Galicia en Fitur, onde o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) –que edita esta guía–, Cheché Real, estivo acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda, e pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

O libro conta con 120 páxinas que se distribúen en catro apartados. No primeiro deles faise un percorrido polos 67 concellos lucenses a través dos Camiños de Santiago que atravesan a provincia. Os outros tres capítulos son seccións habituais, como os resultados dos concursos de tapas levados a cabo pola Asociación en Lugo e Monforte de Lemos, o álbum dedicado á presenza da APEHL na Volta Ciclista a España e o directorio no que se poden atopar todos os establecementos asociados da provincia de Lugo.

Tamén conta cun índice cos servizos turísticos, transportes, estradas e webs de información máis destacadas. Cunha tirada de 15.000 exemplares, a publicación distribúese en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á APEHL, así como en todas as etapas da Volta Ciclista a España -ademais seguirá contando coa edición dixital nas webs www.apehl.org www.eparacomerlugo.es.

"É unha cita especial tras dous anos nos que a hostalería e o turismo víronse prexudicados como nunca"

En declaracións a Efe, Cheché Real explicou que o que se busca e o que "sempre" pretende estaorganización sectorial é realizar unha "promoción conxunta" de toda a provincia, porque ao seu xuízo non é conveniente parcelar o potencial dun territorio relativamente pequeno no contexto dun turismo "globalizado a nivel mundial". No acto, recordou que "esta era unha cita especial porque se presentaba por fin unha nova edición desta guía tras dous anos nos que o sector da hostalería e o turismo viuse prexudicado como nunca".

Real destacou tamén "o esforzo inmenso realizado polo sector para adaptarse e cumprir coas normativas en cada fase desta pandemia e a implicación das administracións, tanto autonómica como provincial e local, en forma de axudas".

En ton positivo, tamén subliñou que "é hora de convivir con este virus, de gañarlle a batalla e estou seguro de que cada vez iremos modificando máis as restricións para chegar de novo á ansiada normalidade. Un dos pasos para sentila máis cerca é, precisamente, volver presentar un volume novo desta colección de guías aquí en Fitur".

No acto estiveron presentes tamén a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a deputada autonómica, Elena Candia.

Comentarios