En Galicia o sector pasou de 13.000 a 8.500 empregados en 9 anos

Lugo perdeu desde o 2010 147 empregados no sector e queda agora con menos do milleiro, segundo UXT
Una sucursal del Banco Popular. AEP
photo_camera Unha sucursal do Banco Popular. AEP

O paulatino peche de oficinas ten un evidente reflexo nos persoais. Se en Galicia desapareceu o 40% da rede que operaba na comunidade, a destrución de emprego chega ao 34,80%. Segundo unha análise da federación de servizos, mobilidade e consumo de UXT Galicia, as entidades tiñan no ano 2010 13.018 traballadores, mentres que neste exercicio son 8.487.

A principal redución rexistrouse na provincia da Coruña, con moita diferenza sobre o resto. A razón é que nela é onde se concentraban servizos centrais dalgunhas entidades, como Abanca, que deixou de telos alí agrupados e repartiu o seu persoal por provincias.

A marcha que contribuíu de forma máis clara a ese descenso é traslado dos servizos centrais do Banco Pastor a Madrid, o que borrou dunha plumada a ao redor de 800 traballadores.

No caso de Lugo, perdéronse 147 postos de traballo en banca entre 2010 e o actual exercicio, pasando a provincia de ter 1.118 empregados no sector a 971. Segundo os datos recompilados por UXT revisando as actas electorais dos comicios sindicais, en 2010 Abanca tiña en Lugo 382 empregados en Lugo, que pasaron a 339 neste ano.

O descenso máis acusado é o do Banco de Santander, que perdeu en Lugo neses nove anos 155 postos, pasando de 224 a 69. BBVA pasou de 153 a 121; o banco Caixa Xeral de Depósitos, de 19 a 11 e Bankia de 14 a 11.

No outro extremo, figuran as entidades que incrementaron o seu persoal na provincia, fundamentalmente grazas ás adquisicións doutras. Por exemplo, pasa de 7 a 62 empregados en Lugo nese período, pero cabe recordar que suma os do Banco Gallego (comprado en 2013), que no ano 2010 contaba con 33 traballadores na provincia. Caixabank, pola súa banda, pasa de 70 a 72 e Caixa Rural, de 105 a 115.

O sindicato que analizou a situación do persoal de banca recorda que a desaparición de oficinas e destrución de emprego van á vez, pero non así o volume de traballo. "O mesmo traballo é desempeñado agora por menos traballadores, incrementándose substancialmente a carga laboral que se suple con grandes presións comerciais, pero, sobre todo, cun incremento significativo de horas extras non remuneradas", di.

Os usuarios perciben agora que algúns servizos, antes dispoñibles nun maior rango horario e en todas as oficinas, agora cínguense a unhas horas concretas ou oficinas en particular. "Pecharon a oficina do meu banco que estaba na miña rúa. Empecei a ir a outra próxima e, desde hai un tempo, esta só ten servizo de portelo á primeira hora. Se tes que facer unha xestión e chegas dez minutos tarde te tes que trasladar a unha oficina do centro, que é a que asume agora ese servizo todo o día. Algunha vez tiven que ir e estaba llenísima. Aínda que hai moita xente atendendo, a espera é sempre longa porque hai moitos clientes para facer xestións que non puideron facer nas súas oficinas", resume un cliente.

Paralelamente, promóvese o uso de caixeiros e da banca electrónica para moitas xestións.

Comentarios