A Fonsagrada únese á plataforma que defende o nitens

Donos de montes súmanse ao colectivo de Castroverde e Baralla favorable á súa plantación
Eucaliptos Nitens cortados nun monte en Monte de Cervo. D.V.
photo_camera Eucaliptos nitens cortados nun monte en Monte de Cervo. D.V.

Propietarios de A Fonsagrada uniranse á plataforma de montes de Castroverde e Baralla, que agrupa a un milleiro de veciños de ámbolos municipios, co fin de defender o dereito a plantar eucalipto nitens nos seus terreos. A avogada fonsagradina Marisol Sierra contactou con máis de corenta veciños que lle confirmaron o seu interese en integrarse neste colectivo e xa transmitiu esta petición aos portavoces da plataforma. "Non tería sentido facer unha asociación local. É mellor sumarse a un grupo amplo e representativo que se faga eco dos nosos dereitos ante unha decisión que nos discrimina", afirma Sierra.

Esta letrada reclama que se apliquen "criterios uniformes, xa que a Xunta permite prantar libremente nalgúns concellos e marxina cunha prohibición total a outros próximos, como é o caso da Fonsagrada, sen ningunha razón obsectiva".

Sierra considera que se deberían permitir os cultivos de nitens, "sempre dun xeito proporcionado e respectando a biodiversidade, cousa que se está a dar na Fonsagrada, onde hai moi pouco eucalipto. O que tería que facer a Xunta é ordenar o territorio e non trazar liñas imaxinarias de xeito xenérico, que dividen en dous Galicia, e que non teñen en conta as peculiaridades de cada concello".

RENDIBILIDADE. Marisol Sierra destaca que o eucalipto nitens ofrece "unha maior rendabilidade que outras especies, polo que é lóxico que desperte o interese dos propietarios. A súa prantación supón unha achega económica cada certo tempo, que en moitos casos serve para o mantenemento das casas das aldeas". Na súa opinión, aínda que desde as administracións fálase da promoción das zonas rurais, "neste caso está a vulnerar o dereito dos seus veciños a utilizar as nosas terras como calquera outro propietario".

Estes donos de montes fonsagradinos solicitarán o apoio dos grupos políticos municipais ás súas reivindicacións, como xa se fixo en Castroverde e Baralla. En O Cádavo houbo contactos entre veciños para sumarse a esta plataforma, pero aínda non se adoptou ningunha decisión conxunta.

Comentarios