Fomento dota con máis de 21 millóns a conservación de estradas na provincia

O acordo inclúe os traballos de mantemento da sinalización, iluminación e vixilancia de varios tramos da A-6, N-VI, N-640 e LU-11
2019071912162928747
photo_camera Tramo da A-6. EP

O Ministerio de Fomento destinará un investimento dun total de 21,27 millóns de euros á conservación e explotación de vías estatais da provincia de Lugo. A partida foi autorizada o pasado venres no Consello de Ministros, que deu luz verde á licitación dun contrato de servizos para a súa execución.

As distintas intervencións contempladas afectarán a varios tramos da A-6, N-VI, N-640 e LU-11 ao seu paso pola provincia. No caso da A-6, o sector afectado é o que vai de Cereixal, no termo municipal de Becerreá, ao límite provincial da autovía coa Coruña.

Con respecto á N-VI, as obras afectarán os tramos de Cereixal a Nadela; de Tolda de Castela ao enlace coa N-640; do enlace N-640 a Ramil; de Ramil a Rábade; de Rábade ao límite provincial da Coruña.

No caso da N-640, as operacións levarán a cabo no tramo entre Paraxes e o enlace coa A-6, e os enlaces de Rolda Norte coa A-6 e a N-VI.

Para rematar, dentro deste contrato tamén entra a LU-11, no tramo comprendido entre Nadela e Tolda de Castela.

MANTEMENTO. Esta licitación para a execución de operacións de conservación e explotación na Rede de Estradas do Estado ten por obxectivo o de realizar traballos de servizos de comunicacións, servizos de vixilancia, atención a accidentes, mantemento dos elementos da estrada, mantemento sistemático das instalacións de subministración de enerxía eléctrica, iluminación, sinalización variable e mantemento e instalación de semáforos.

Ademais, este contrato tamén incluirá os distintos traballos de establecemento de inventarios, así como de recoñecementos do estado das vías e funcionamento da estrada, programación, coordinación, seguimento e información da execución dos traballos e actuacións de apoio á explotación.

A intervención levada a cabo polo Ministerio de Fomento tamén inclúe a elaboración de estudos de accidentalidade e informes de seguridade viaria, co fin de contribuír á redución de accidentes.

Así mesmo, o contrato de licitación inclúe os traballos de roza, fresados e reposición do firme, limpeza de cunetas e, en xeral, todos os labores de conservación ordinaria das vías de titularidade estatal.

Comentarios