Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Para festexar, bolos e viño, e para traballar, trigo e palla

Participantes nos labores de separar o gran da palla. S.IGLESIA
Participantes nos labores de separar o gran da palla. S.IGLESIA

Centos de curiosos viaxaron no tempo en Meira para revivir as antigas mallas que facían nas casas

En meira non cansan e resisten a abandonar as festas. Como cada ano, dende hai 27 agostos, a Praza Maior da vila ateigouse de xente que foi "recordar o que vivimos cando eramos pequenos", como ben di María Carballeira, unha das centos de persoas que aguantaron estoicas o sol e o pó que non deixaba de saír das máquinas.

O que fai anos era un traballo que había en tódalas casas, "agora é unha festa", din, sobre todo, os máis novos, aos que a idade non lles deixa recordar.

Moitos miraban mentres outros traballaban e, nesta edición, "máis que outros anos, veu visitarnos moitísima xente", comentaba Manuel Pardo, presidente da asociación Amigos da Malla de Meira, quen se encarga de organizala. Alí estaban todos, dispostos a separar o gran dos 400 mollos que había, "pero hai que contar por carros, como se facía antes. Un carro eran 200 mollos", explica como coñecedor da causa o vicepresidente da entidade, José Folgueira.

E para recuperarse, ás doce do mediodía os bolos de vento e o viño xa estaban en boca de todos os presentes. Un total de 75 quilogramos de masa que "voaron" e serviron de aperitivo para o cocido que agardaba polos 800 comensais que quedaron degustalo.

TRABALLO INCANSABLE. Para que funcione todo o engranaxe "estamos traballando todo o ano: na semente, na sega ou cos preparativos da comida", afirma Mónica Folgueira, a única muller da agrupación, que anima "a que todos veñan, tamén de voluntarios, que nunca sobran".

Como novidade, este ano púxose en marcha dende a asociación un concurso de fotografía que busca a esencia desta festa, co que "a xente que traballa se vexa identificada e se dea valor á malla".

Para festexar, bolos e viño, e para traballar, trigo e palla
Comentarios